Once portas
Xerais, Vigo, 104 páxinas, 14,60 €, 2017.
Van xa algúns meses desde que lin Once portas, galardoada co premio de Narrativa Curta Ánxel Fole do ano pasado, no que supuxo a continuación de Héctor Cajaraville como narrador para un público adulto tras De remate. Polo medio, o autor ofreceu diversas propostas de calidade para un lectorado lix, e non só. Todo por xunto constituíu un dos desembarcos literarios máis intensos da man dunha única voz, entre o que eu recordo dos últimos anos.
Once portas vén sumarse así á nómina de novelas que recrean a cidade de Santiago de Compostela desde unha perspectiva histórica entretecida con inevitables e precisas doses de ficción e fantasía. Nesta hibridación conscinete valoro en Once portas o proceso de intensa documentación que a alicerza sen que, en xeral, se advirtan as costuras dun discurso puramente histórico ao fundirse con naturalidade nunha liña argumental que se abeira ao xénero da investigación ou, se se quere, de intriga. Aquí é onde a cidade de Compostela -as súas “once” portas e as súas once igrexas, os pasadizos subterráneos que a cruzan e mesmo outros elementos que lle confiren a súa singularidade- vai adquirindo a merecida categoría de protagonista ao ser precisamente esta quen agocha e acolle os restos de Santiago o Maior e os seus discípulos; aínda máis alá das vicisitudes que se encarnan nos diversos personaxes como Guillermo Cardelle e ese encontro casual co mago Bunda, que desanoa toda a acción, latexa nela sempre un espírito lúdico, presente nas páxinas iniciais e epilogais da propia novela e, talvez sen pretendelo, didáctico e ilustrativo sobre a historia dun espazo único.
Cajaraville, así pois, ao que podía ser con facilidade unha novela extensa, pois fíos narrativos hai para desenvolvela con amplitude, adopta un formato marcado pola contención e a fluidez narrativa, máis atento por veces a suxerir que a contar polo miúdo. Percorre e descobre, mesmo redescobre, ángulos insospeitados dunha cidade que, tras esta novela, non é difícil ver doutro xeito. Talvez sexa ese un dos seus méritos máis salientables, isto é, o de erixir, desde a ficción, un verdadeiro tributo á cidade de Santiago de Compostela.