Catro ventos / Four winds, de Javier Fernández Pérez de Lis

Javier Fernández Pérez de Lis

Catro ventos / Four winds

Fabulatorio, A Coruña, 32 páxinas, 25 €, 2017.

 

Ao pé do monte Galiñeiro, na parroquia de Valadares e concretamente nun lugar chamado A Garrida, a orografía, a historia e a necesidade de explorar novos camiños, fixeron que interseccionasen dúas estradas. Un bar, como non, lémbranos que aí é onde se cruzan os “catro ventos”. Particularmente sempre me gustou a denominación, sexa de recente creación ou non, e por iso recibir un libro, tan senlleiro coma este e bautizado cunha idéntica expresión, fixo que espertase axiña o meu interese. Interese xa suscitado previamente pola marca “Fabulatorio” pois o labor editor de Cibrán Rico e Suso Vázquez nunca defrauda as expectativas ao editaren pouco e facelo, sobre todo, acreditando nesa fe de que a forma tamén é quen de comunicar e non unicamente os contidos.

Nesta ocasión abordaron un proxecto, como outros do mesmo selo,  moi singular: Catro ventos/Four winds é un libro de fotografías de Javier Fernández no que conflúen dous traballos que, ao tempo, se complementan. O primeiro deles, coa ollada posta na célebre carta de Domingo Fontán, persegue evidenciar as relacións que poden dar entre a construción dun mapa e a lectura que se fai del, sen esquecer esoutro factor que orbita arredor da idea de como o territorio que se representa pode ser interpretado e vivido. O segundo traballo afonda as súas raíces, á súa vez, no proceso de esculca preciso para representar a nosa orografía.

A edición, espléndida desde o punto de vista estético, incorpora, ademais, un breve texto en prosa, desacougante e intensamente reflexivo, de Guillem Martínez titulado “Sobre a mirada”, que constitúe un feliz epílogo para unha proposta  que convido vivamente a coñecer.

 

2 Comments

Os comentarios están pechados.