Tras o lume a esperanza

 

O pasado martes celebrouse un acto conxunto, entre o IES Valadares e o CEIP A Sobreira, ambos os dous centros de ensino público de Valadares. Un acto reivindicativo porque cómpre non esquecer todo aquilo que viviron as dúas comunidades docentes e as persoas que as integramos. Para ese día escribín este texto que agora comparto convosco.

 

Ao dobrar a conserxería do IES Valadares, á dereita, fronte por fronte da sala do profesorado, sabedes que hai un gran mapa que recolle a toponimia dos lugares que pisamos e dos territorios máis  próximos a nós, se non estou errado grazas a unha iniciativa do noso compañeiro Xoán Gulías. Eu chámolle o noso mapa de Fontán porque Fontán foi o primeiro científico que aplicou criterios modernos para erixir un mapa de Galicia que foi, e aínda é, un dos nosos símbolos identitarios. Os mapas son importantes porque neles se recollen os espazos polos que transitamos ao longo da nosa vida: lugares que nos marcan como persoas, que nos configuran nalgún aspecto das nosas personalidades, que nos outorgan, como a lingua, unha maneira de estarmos no mundo singular e propia.

            Nese mapa ao que me refiro sitúanse, virtual e fisicamente, as vosas casas e as dos vosos amigos e amigas. Aí están os espazos nos que nacestes, crecedes ou que vos acolleron: camiños, congostras, estradas e corredoiras, territorios polos que pasades todos os días. Deixade que hoxe se sintan os seus nomes porque eles precisan que os nomeemos, e nós tamén precisamos oílos: As Barrocas, O Cañizo, O Carregal, O Freixo, A Gándara, A Garrida, A Igrexa, O Portal,  Seoane e A Sobreira; tamén O Alba, Bertoles, A Costa, O Fabás, O Outeiro, O Outide, A Pinguela, O Prado, San Xoán, A Senra e A Simona en Valadares. Sumádelle Cidáns,  A Igrexa, Marcosende, Vilaverde, Casal de Abade, As Lagoas, A Menda, Paredes e Vilariño, en Zamáns. E non podemos esquecer, claro, Balsa,  Balvís, A Barxa, Beirán, Budiño, Campos, A Carapucha, Carballo, As Carneiras, A Carpinteira, O Castro, O Cocho de San Pedro, Coto do Mouro, A Devesa, O Fabal, Fontela, A Igrexa, A Lagarella, A Lameira, Loureiro, Maruxento, Mina das Carneiras,  A Mó, O Outeiro, Parada, O Pazo, Pereiró, Raxó, A Revolta, Ribás, Ribelas, O Roupeiro, Sabarís, Salgueiral, San Amaro, Souteliño, Suolvido, As Veigas, A Veiguiña, Vilar, A Xesteira ou Xuncal… E tamén Navia, e Vincios, e Chaín e Gondomar; e esoutros territorios que son e están de quen vindes doutros lugares  día a día ao noso centro. Ameazados ou non polo lume, fostes solidarios e solidarias na dor dos vosos compañeiros e compañeiras, encolléusevos o corazón, sentístesvos tristes e angustiados e aínda o estaredes hoxe, como todo o voso profesorado, como todo o persoal non docente deste instituto.

            Pois pensade que, tal e como nese noso mapa de Fontán están recollidos moitos destes topónimos, así van seguir nomeándose no futuro, pasase o que pasase antonte. E dígovos isto porque nomear un lugar é posuílo, é estar nel, é ser del, é salvalo do esquecemento e da destrución. E ides seguir pasando por eses lugares, hoxe de aspecto desolador, que vos seguirán a contaxiar o seu significado ; espazos nos que vós ides tamén deixando a vosa propia pegada porque, desde agora, entre outras cousas, aprendestes o importante que é coidar o noso monte, o noso espazo natural. Tardarán, algúns deses lugares hoxe arrasados, en volver adoptar a súa fisionomía, mesmo será estupendo que as zonas afectadas se repoboen con especies autóctonas que non sexan daniñas para a terra. Eu invítovos a superar a tristeza do momento, a ser optimistas, a seguir adiante e a pensar que, sempre, o mellor está por vir.

Todos sabemos que o 15 de outubro foi un día importante nas vosas vidas pois descubristes o poder destrutor do lume contra as vosas vidas, contras as vosas casas, contra vós e os vosos. Pero cómpre sacarlle proveito, cómpre aprender outra lección que nos dá a vida tras un acontecemento así: pasámolo mal pero estamos todos xuntos, estamos todos aquí. Seremos, desde agora, máis respectuosos co noso medio natural, valorarémolo máis, abrigaremos a esperanza de que isto non vai volver ocorrer e que, se ocorre, nunca será pola nosa irresponsabilidade.

Falo en primeira persoa, pero sei que toda a comunidade educativa está de acordo, finalmente, co que vos vou dicir. Nesta lagoa de tristeza que agora sentimos a vosa actitude solidaria, a dos vosos pais e nais, a dos vosos irmáns e irmás, algúns e algunhas formados neste centro e  que puidemos ver o domingo dispostos en ringleira, carrexando baldes e caldeiros na Avenida Clara Campoamor e en todos os camiños de Valadares foron, son, un sinal de orgullo para nós. Todo isto lémbramos que vos formamos en coñecementos, pero tamén en actitudes e en valores como son o respecto á natureza e a vós mesmos. A imaxe que conxelou o fotógrafo Delmi Álvarez é un dos símbolos para sempre do que pasou aquí o domingo: plasma un exercicio de solidariedade diante da adversidade, de esforzo e de loita comunal contra o desatino que son os lumes provocados. Por todo iso a nosa gratitude, porque sodes tamén a nosa esperanza. Lumes nunca máis.