Uxía_O

Uxía (música) – Uxío Novoneyra (letras)

Uxía_O

Audiolibro, Fundación Uxío Novoneyra, 19,90 €

 

Chego á voz máxica  de Uxía e á palabra sempre viva de Uxío Novoneyra grazas á xentileza da miña amiga Esperanza Domínguez. Sabedora da devoción que sinto pola traxectoria cantante e polo poeta; sabedora tamén que resulta imposible non quedar imantado polo resultado final dun proxecto estética e musicalmente marabilloso deixo aquí constancia da miña gratitude polo agasallo.

Pois non entendo doutro xeito este proxecto, isto é, un verdadeiro agasallo para os sentidos. Prologado coa palabra xusta de Olga Novo, neste audiolibro, que conta co acordeón de Santi Cribeiro, as percusións de Isaac Palacín e con José Manuel Díaz ao contrabaixo, alén de colaboracións de Ana Isabel Días na arpa clásica, Quim Farinha no violín ou Fred Martins, exhíbe Uxía a súa voz poderosa e senlleira, entre tonalidades aquí e alá de reggae, alalás, ragtime ou muiñeira, contando tamén coa traballo do multi-instrumentista brasileño Sérgio Tannus.

Os poemas escollidos son, todos eles, pezas fantásticas que suxiren a potencia e singularidade do universo literario de Novoneyra ao que sempre resulta unha regalía volver, incorporando tamén unha adaptación do tema “Cain as follas”, de Emilio Cao, ou “Alalás encadeados”, poema inédito que xa estaba incluído no disco de Uxía Meu canto (Fol Música, 2011).

Recomendo con entusiasmo este coidadísimo libro-disco e deixo aquí un petisco que non me deixa mentir.

 

2 Comments

Os comentarios están pechados.