O “Libro dos lugares”, de Antón Patiño

Antón Patiño

Libro dos lugares (limiar de Manuel Rivas)

Editorial Elvira, Vigo, 432 páxinas, 20,50 €, 2017

 

Manuel Rivas, prologuista deste libro, fala con admiración desta obra e non é de estrañar, abofé que non.

Hai libros que son dos abrazos, outros dos segredos e mesmo hai un, marabilloso, que se titula Libro dos amigos, e que subscribiu Otero Pedrayo. Agora, no ronsel de todos os anteriores, este Libro dos lugares érguese como unha verdadeira alfaia tanto polo que se conta nel como polo xeito en que se conta.

Patiño colle o espello retrovisor e decide ollar cara aos lugares polos que camiñou, por aqueles espazos que, dun ou doutro xeito, deixaron algunha pegada nel. Mais eses territorios non só físicos: hai tamén neste libro non-lugares, mesmo ex-lugares ou des-lugares e todos eles constrúen a identidade biográfica.

Circulan por aquí libros, moitos libros, cos que sempre se dialoga; mais tamén hai presenzas e voces que falan a través do autor, articulando así un discurso novidoso que fonde xéneros e xera unha aliaxe compacta e, ao tempo, liviá. Ao pasar estas páxinas séntese chegar o arrecendo a crónica e outras a diario; ás veces brilla unha particular visión aforística e en ocasións abéirase ao ensaio literario ou artístico; mesmo aquí e acolá agroma recurso poético coma se a expresión narrativa non abondase e a capacidade suxestiva desa «chave para o reencantamento do mundo» fose o elemento preciso que ofrece unha lectura máis suxestiva, plural e enriquecedora.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 20 de outubro de 2017.