Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, de Xosé A. Fernández Salgado

Xosé A. Fernández Salgado

Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas

Laiovento, Compostela, 204 páxinas, 16,80 €, 2017.

 

Desde hai algúns meses circula xa polas nosas librarías unha interesante publicación debida ao profesor e investigador Xosé F. Fernández Salgado baixo o título de Cincuenta décimas contra don Diego Zernadaspublicado por Laiovento, e que resulta ser o froito de varios anos de traballo desenvoltos desde a descuberta do manuscrito orixinal depositado nos fondos da Biblioteca Penzol, esa illa da cultura centroeuropea no centro de Vigo, en palabras de Antón Patiño.

O autor deste traballo, excelente e modélico na súa factura -conta cunha edición case paleográfica e outra actualizada cun numeroso corpo de notas explicativas-, insistiu en diversos lugares que se trata dun texto referencial para a historia da lingua e mais da literatura galegas. Non lle falta razón pois son moitas as conclusións que se poden tirar en limpo desta exhumación que recolle información sobre o texto manuscrito, alén das dúas edicións incorporadas, ofrece claves para a interpretación do seu contido, conxecturas sobre a súa datación e autoría e mais engade unha análise polo miúdo das características gráficas, morfosintácticas e léxicas máis salientables. Algunhas desas conclusións, como sinala o autor, serían o da matización de afirmacións “sobre o anecdótico uso do galego escrito”, ao longo do século XVIII, “ben que moitos destes textos non chegan a se imprimir”, isto é, ese período ao que se lle atribúe historicamente unha escaseza de produción textual en galego talvez sexa preciso analizalo con outra perspectiva non tan reducionista.

Estes cincocentos versos, en fin, alén dunha prosa inicial e outra epilogal, agora recuperados e datados entre 1760 e 1777, probablemente da autoría dun ilustrado próximo ao círculo do Cura de Fruíme, convértense no segundo texto máis longo do século XVIII coñecido, tras as célebres Coplas do Padre Sarmiento. Sen dúbida é un paso adiante no coñecemento do noso pasado lingüístico e literario que é merecente de todos os aplausos.