Carta a un profesor mozo, de Philippe Meirieu

Philippe Meirieu

Carta a un profesor mozo (tradución de Henrique Harguindey)

Kalandraka, Pontevedra, 144 páxinas, 14 €, 2017.

 

Hai proxectos editoriais con propostas concretas que escorregan e caen axiña nese saco grande do esquecemento ou a indiferenza que engole iniciativas plausibles das que mesmo calquera podería sentirse orgulloso. Penso na existencia da “Biblioteca de Pedagoxía”, dirixida polo profesor Antón Costa no selo Kalandraka, que acolleu, ata o de agora, libros de Francesco Tonucci, Maria Montessori, Lev. S. Vigotski e, desde hai poucas datas, esta Carta a un profesor mozo de Philippe Meirieu. Semella que o termo de pedagoxía asusta, non está de moda ou non resulta obxecto de interese fóra desa minoría (?) que nos dedicamos á docencia, e talvez nin sequera ecoe neste ámbito como probablemente debese. Pero a pedagoxía, teño para min, é algo máis ca unha ciencia vinculada coa educación pois esta, xunto coa  formación, non é só algo propio das persoas que nos responsabilizamos da docencia, é algo que debemos, deben, exercer pais e nais e, en xeral, aqueles “modelos” que exercen algunha influencia na sociedade.

Dito o anterior, o presente libro, escrito e ideado para aquel profesor ou profesora nova que comeza a súa tarefa profesional, é atemporal e sen fronteiras nin límites. Nel, o pedagogo Meirieu sistematiza e comparte o seu pensamento dunha maneira tan clara e suxestiva que converte o seu contido nun ensaio que vai máis alá de quen dirixe o seu escrito en primeira instancia e que non é só o profesor senón tamén a profesora. Afirmo isto porque Meirieu confesa facer unha chiscadela ao Rilke das Cartas a un poeta mozo, sendo consciente de que o título “poderá semellar machista. Evidentemente, non é esa a miña intención. As mulleres que ensinan ou se destinan ao ensino descúlpenme e consideren que este texto se dirixe tamén a todas as profesoras mozas”.

A Carta… de Meiriau, dun ou doutro xeito, atesoura unha serie de reflexións que, por se se perdeu ou diluíu, chega a devolver o ánimo e o devezo por enfrontarse, día a día, á práctica real do traballo docente: moi crítico con algunhas das realidades actuais que se abaten no mundo do ensino, sobre todo con esa brutal maquinaria burocrática, non ofrece, loxicamente, unha solución máxica para moitos dos problemas que suscita a dimensión educativa mais si  suxire liñas de sentido que entendo como moi rendibles e aproveitables para calquera. Ademais, cómpre dicir que este libro vai máis alá no sentido de que o corpo de notas que subscribe o propio autor, mais esoutro que engaden particularmente tanto o tradutor Harguindey como Antón Costa, abren camiños suxestivos para seguir afondando, como unha rede de redes, en diversas posibilidades prácticas que enriquezan, ou poidan enriquecer, a práctica docente.

Para finalizar, o libro conta cun prólogo ad hoc do autor como saúda desta edición en lingua galega onde confesa situarse nunha tradición pedagóxica que vai de “Erasmo a Ferrer, de Itard a Oury, de Anton Makarenko a Xoán Bosco, de Pestalozzi e Marta Mata”. Con estes vimbios, exhibindo un estilo literario brillante e accesible, apela á conciencia do lectorado, sexa este docente ou non, e formula deseguido preguntas que ás veces responde e que, noutras ocasións, deixa á mantenta nunha agra aberta para que reclamar o activismo persoal e colectivo pois o espírito deste libro deita esta inequívoca conclusión: seguir sempre adiante, seguir abrazando a utopía para mellorar o futuro. Na parte final do libro sinálase que “facerse profesor é investir no porvir” e, neste tempo no que esta profesión está socialmente desvalorizada e mesmo deostada, creo que consegue convencer a quen podía dubidar do sentido desta sentenza. Querer un porvir mellor, máis xusto, crítico e igualitario, é no que traballamos, na construción de cidadáns e cidadás, por tanto, máis e mellor formados, sempre máis libres. Meirieu dá pistas para conseguilo.

Deixo aquí un interesante vídeo sobre esta filosofía pedagóxica de Meirieu e tamén a miña gratitude a todos os axentes que interviron no proceso de facilitar o acceso, na nosa lingua, a esta gran obra.