Os salgueiros, de Algernon Blackwood

Algernon Blackwood

Os salgueiros (tradución de Alejandro Tobar)

Hugin e Munin, Compostela, 80 páxinas, 11,50 €

 

 

Confeso que descoñecía a existencia de Algernon Blackwood e que cheguei a el mercé esta tradución, excelente por certo, de Alejandro Tobar, e animado asemade polo feito de que o escritor británico foi considerado por Lovecraft un dos seus escritores preferidos.

Non é de estrañar esta devoción pois non é difícil rastrexar moitos elementos de confluencia entre, por exemplo, Os mitos de Cthulhu de Lovecraft e esta obra titulada Os salgueiros, que foi publicada orixalmente en 1907 como parte da colección The Listener and Other Stories.

Blackwood, cunha prosa coidadísima, case diría que exquisita e cargada dunha forte potencia descritiva, achéganos ás vivencias que unha parella de amigos e excursionistas experimentan nunha viaxe polo cauce do  Danubio, ata chegaren a unha illa fluvial preto de Hungría onde un tremedal poboado por salgueiros ocupará boa parte dun argumento enigmático.  Será aí onde as forzas da natureza vaian converterse noutra cousa e onde comezan a percibirse fenómenos, en primeira instancia sobrenaturais que, aos poucos, irán converténdose nunha sorte de “sinfonía de perdición” para ambos os amigos debido a que o terror que se apalpa, segundo a voz narradora, é “infinitamente maior, máis estraño” que aquel que se pode percibir noutras situacións, isto é, “máis perturbador ca calquera cousa que coñecese ou soñase antes”.

En efecto, esa fusión que se produce entre as forzas da natureza máis indómitas e a percepción de algo inefable tan esplendidamente transmitida malia algún ton reiterativo que, porén, funciona narrativamente, é o que posibilita internarnos nun territorio se se quere parello ao noso mundo mais rexido por outras leis que operan, como di o autor, “directamente sobre o espírito”.

Un libro moi recomendable, ao meu ver, para as persoas afeccionadas á literatura chamada de “horror cósmico” mais non só pois. Grazas a Hugin e Munin por traérnolo á lingua galega.