Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren

Astrid Lindgren

Pippi Mediaslongas (tradución de David Á. Álvarez)

Kalandraka, Pontevedra, 128 páxinas, 15 €, 2017.

 

Sospeito que moitas persoas que lean estas liñas chegarían a este clásico de Astrid Lindgren a través dunha serie televisiva que se emitiu na TVE no ano 1974,  logo no 1979 e, finalmente, en 1987. Eu case podería dicir que naqueles setenta comezou a introducirse o interese por unha personaxe literaria envexable e singular que permanece sempre na memoria. Cadaquén atesourará as súas evocacións particulares daquela descuberta e en min mantense moi viva unha sentenza que pronuncia Pippi cando lle recriminaban amablemente porque andaba ao revés: “Vivimos nun país libre, non? Acaso non se pode camiñar como a un lle pete?”. Que marabillosa era Astrid Lindgren que puña en boca dunha rapaza inesquecible esta afirmación…, daquela aínda non sabiamos que era un país libre, hoxe talvez a pregunta siga gozando de actualidade.

Dicir algo orixinal e novo deste clásico da literatura infantil e xuvenil contemporánea que nos trae Kalandraka, coas ilustracións orixinais de Ingrid Vang Nyman,  debera saudarse, ao meu ver, como unha noticia moi relevante para a nosa LIX, e non só, pois asomarse a este libro confirma como os valores que representa o personaxe de Pippi seguen en vigor: velaí o seu espírito rebelde, a súa inocente predisposición á mentira que xunto cun peculiar sentido do humor beirea situacións surrealistas, a súa iconoclastia, a súa independencia, o seu radical inconformismo e o seu anti-convencionalismo, o seu sentido do humor, a prioridade que lle outorga a un sentido da xustiza sempre a carón dos máis débiles e, por extensión, esa  ansiedade máxica por contar historias.

Nun capítulo Pippi senta na terraza da súa casa a comer biscoitos, de xenxibre por suposto, mentres o señor Nilsson gabea pola varanda e o seu cabalo mete o fociño para conseguir algunha. Nese instante, case epifánico, afirma: “Que marabilloso é vivir”, pois si, e que marabilloso e oportuno resulta ler hoxe na nosa lingua este libro cando atravesamos o cento dez aniversario do nacemento da súa autora. Grazas por facelo posible e fago votos para que cheguen axiña novas historias da enorme Pippi.