Cuestionario Proust: Patricia A. Janeiro

Patricia A. Janeiro

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

-Penso que é a retranca. Sáeme soa, mesmo que tente dicir algo positivo. Cando era máis nova miña nai sempre me dicía que era incapaz de morder a lingua. Agora tento pensar máis antes de falar, pero sigo a ter a lingua máis rápida nesta beira do Pecos.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

-Hai uns anos diría a cultura, foi como me educou o meu pai. Agora penso que a bondade. Non sinto respecto ningún por alguén que é burro a conciencia, podendo remedialo, pero valoro máis a bondade, a boa intención.

3.– Que agarda das súas amizades?

-Sempre me sorprenden. Se lles pido dez, danme mil, así que o que non sei é o que non agardo delas.

4.– A súa principal eiva?

-Non navego ben os conflitos. Gústame resumilo dicindo que son unha covarde, pero é moito máis ca iso. Paralízame a confrontación, se che teño que plantar cara por algo, por trivial que sexa, doulle mil voltas e tento zafarme porque o paso moi mal.

5.–  A súa ocupación favorita?

-Andar nos biosbardos.

6.–  O seu ideal de felicidade?

-Unha paparotada coa familia e os amigos.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

-Deixar de celebrar paparotadas coa familia e os amigos, porque nos falte alguén, porque xa non nos queiramos…

8.– Que lle gustaría ser?

-Cando xogo a isto cos meus alumnos de inglés sempre lles digo que guionista de series en Hollywood, pero en realidade gústame ser o que son, non o cambiaría por Hollywood.

9.– En que país desexaría vivir?

-Quen me coñece sabe que son fisicamente incapaz de pasar a noite fóra de Compostela, non digamos vivir. Podería pasar tempadas en Lisboa ou en Roma, pero tería que levar a media familia e amigas comigo.

10.– A súa cor favorita?

-O vermello.

11.– A flor que máis lle gusta?

-A camelia. Cando casei quixen levar un ramo de camelias, pero foi imposible porque murchaban nada máis cortalas da póla. Creo que esa fugacidade é parte do seu atractivo.

12.– O paxaro que prefire?

-Calquera que estea lonxe. Hai anos vivín cun tipo que tiña paxaros en gaiolas: periquitos, agapornis, pimpíns… mesmo un loro. Non sei se é porque estaban pechados e tiñan unha vida de merda, pero ás veces mataban as súas propias crías a peteiradas. Xa nunca me chistaran os paxaros, nin ceibos nin moito menos presos, pero desde aquela non os podo ver.

13.– A súa devoción na prosa?

-Leo moita narrativa norteamericana por defecto, foi o que estudei na carreira: Shirley Jackson, John Steinbeck, Upton Sinclair, Ray Bradbury, Joyce Carol Oates… Adoro polo menos a metade do que escribe Stephen King, aínda que sei que iso fai arquear máis dunha cella nos círculos “literarios”. Tamén me gusta moito Stefano Benni, un contista italiano que escribe con moita retranca sobre a decadencia da sociedade capitalista. Agora acabo de rematar Sangue 12 de Cris Pavón, que me sorprendeu moito, e estou con Luns, de Eli Ríos.

14.– E na poesía?

-Esta é difícil. Sempre tiven prexuízos coa poesía, que é iso de non encher as liñas até o final? Empeñeime en que non me gustase e case o consigo. Do que estudei só lembro os poemas de Celso Emilio, porque falaban de cousas que eu entendía. Pásame o mesmo con Daniel Salgado e con Lorena Conde. Tamén hai un poema que descubrín, precisamente, por Stephen King e que leo cada pouco porque me ten cativada: Falling, de James L.Dickey.

15.- Un libro?

-A teoría King Kong, de Virginie Despentes. Recomendoumo unha amiga e cando o lin foi como se alguén collese todo o meu pensamento feminista (polémicas incluídas) e o puxese nun libro. Agora recoméndollo eu a todo o mundo.

16.– Un heroe de ficción?

-Sempre tiven un aquel polos detectives perdedores, de Sam Spade ao Flanagan de Andreu Martín e Jaume Rivera.

17.– Unha heroína?

-Buffy Summers, a cazavampiros imaxinada por Joss Whedon para darlle a volta ao tópico da animadora que sempre morre de primeira nas películas de terror adolescente. Teño pendente unha tese sobre o tema.

18.– A súa música favorita?

-O punk-rock dos 70, sobre todo The Clash, Dead Kennedys e Ramones. E os grupos da Gridalo Forte italiana: Banda Bassotti, Senza Sicura, Radici nel Cemento…

19.– Na pintura?

-Son moi fan das acuarelas de María Meijide e dos debuxos de Gonzalo Vilas.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

-Teño moitas heroínas, a primeira miña nai.

21.– O seu nome favorito?

-Maruxa. Sempre me pareceu eufónico.

22.– Que hábito alleo non soporta?

-Andar a gobernar a vida dos demais.

23.– O que máis odia?

-Os anuncios nos que saen bebés, a teima que teñen algúns columnistas en explicarlles “lo gallego” aos de fóra, o Windows 10, o cancelo #GraciasAmancio…

24.– A figura histórica que máis despreza?

-Agora mesmo, os apóstolos da transición española.

25.– Un feito militar que admire?

-A revolución americana. Mesmo que a súa definición de “liberdade” fose moi limitada, sempre me fascinou que a súa Declaración de Independencia incluíse a procura da felicidade como un dereito inalienable.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

-Gustaríame ser resolutiva, saber que facer nas situacións difíciles.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

-Como as parellas do episodio da mousse de salmón en The Meaning of Life dos Monty Python, fitando á morte nos ollos e preguntándolle se teño que levar o coche ou o deixo aparcado.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

-A expectación.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

-Os excesos.

30.– Un lema na súa vida?

-Estou entre o “malo será” da miña nai e o “isto ten fácil solución” da miña irmá.