Vigo 1972

Nuns tempos que demandan unha rexeneración política, social e mesmo cultural, atopar unha sala de cinema absolutamente ateigada para visionar un documental como é Vigo 1972, sala que ademais prorrompe en aplausos cando conclúen os créditos acompañados dunha cantiga interpretada por Luís “Ferreiro”, resulta moi emocionante.

Cadaquén verá, nesta longametraxe documental escrita e dirixida por Roi Cagiao e que conta coa produción executiva de Emilio J. Fernández, cousas distintas e talvez aí radique un dos seus méritos. Para min resulta inevitable botar a vista atrás e reconstruír, no plano máis persoal, as vivencias daqueles días na casa familiar onde o conflito se viviu cunha especial intensidade. Sexa como for, isto é, sexan evocacións ou descubertas, Vigo 1972 revela algunhas das claves dos acontecementos vividos ao longo de quince días de folga xeral que, dalgún xeito, alertaron ás cabezas visibles dun réxime en descomposición e intentaron cambiar o mundo, cando menos o noso mundo.

A longametraxe alicérzase fundamentalmente nun monllo de entrevistas a persoas que protagonizaron aquel acontecemento -Waldino Varela, Juan Benavides, Carlos Núñez, Carlos Barros, Elvira Landín, José Iglesias, Juan Bacariza, Francisco Lores e Rafael Pillado, Camilo Nogueira, Pilar Pérez e Margarita Rodríguez- e combínase cun significativo fondo fotográfico e audiovisual con voz en off  e cun discurso abeirado á ficción cinematográfica inspirado nas vivencias dalgúns daqueles protagonistas.

Vigo 1972 recupera a memoria resistente e emocionada dunha cidade, a da abella da ribeira que citaba Lueiro Rey, a do “fe, ferrové, ferrovello” de Celso Emilio Ferreiro. A memoria chea de orgullo dunha cidade proletaria e traballadora que nunca deixou de selo e que abraza, sempre, a solidariedade como un valor real e tanxible: unha verdadeira lección da que cómpre aprender. Recomendo que non se deixe escapar a oportunidade de coñecela.