Noite estrelada, de Jimmy Liao

Jimmy Liao

Noite estrelada (tradución de Ana M. Noronha e Domenica Ignomeriello)

Kalandraka Portugal, 144 páxinas, 18 €, Matosinhos, 2016.

 

Non é a primeira vez que navega por este blog un libro de Jimmy Liao e agardo que non sexa a derradeira. Ao marabilloso Desencontros, e mais tamén aos Segredos na floresta e mais O peixe que sorría -que se poden atopar con facilidade no catálogo de Kalandraka en Portugal- súmase arestora Noite estrelada: un libro realmente fantástico que non cansarei de recomendar.

Abordar a lectura dun libro deste autor chinés constitúe sempre unha verdadeira incógnita e por moi alto que se sitúe o horizonte de expectativas sempre chega a el e vai máis alá. Ocorren cousas cos libros que caeron nas miñas mans de Liao que non se dan con outros semellantes nos que o peso do visual resulta determinante, isto é, é difícil non quedar magnetizado ollando e interpretando as ilustracións e un desexa, por outro lado, que o libro non acabe nunca tal é a súa beleza estética, tal é a súa redondez discursiva, sempre abeirada a un fío narrativo en aparencia sinxelo e marcado pola síntese, pola brevidade e a condensación, navegando nas augas do lirismo as máis das veces e prescindindo á mantenta do recurso á descrición pois este xa repousa no corpus imaxinístico.

E, en efecto, isto pasa en Noite estrelada. Traducido directamente do chinés ao portugués por Ana M. Noronha e Domenica Ignomeriello acadou xa un galardón como Mellor Ilustrador Estranxeiro de Libro Infantil nos Premios Nacionais de Banda Deseñada no 28º Festival Amadora de Banda Deseñada. E non é de estrañar. Neste caso o autor dialoga maxistralmente coa pintura de Van Gogh -véxase a homenaxe consciente ao cadro homónimo de Van Gogh, implícito no título, ou a que se rende á propia Noite estrelada sobre o Ródano, entre outros cadros do autor, sen esquecer tampouco chiscadelas á pintura de Magritte- e  volve percorrer os camiños do onírico e o fantástico para inserir unha historia particular que dedica ás nenas e nenos que non se senten en sintonía co mundo. É así, desde esta instancia, como constrúe unha trama en que a nena protagonista contaxia esa percepción de que o universo que a rodea -a familia e a escola fundamentalmente- resulta de difícil encaixe para o discorrer da súa propia vida.  A orfandade e a soidade érguense, así, como os temas principais desta entrega onde o pouso melancólico e as ausencias marcan a ferro unha existencia para a que se idea unha alma xemelga á da protagonista. Con ela sentirá como se tensan os fíos da amizade, con ela habilitarase unha presenza que posibilita procurar outros horizontes e recuperar experiencias como as de que a arte axuda a sentir a liberdade, algo tanxible tamén nos espazos máxicos que rescatan un pasado feliz desde o que ollar as estrelas para logo bañarse nelas.

Todo un luxo este Noite estrelada e qué marabilla poder acompañarse con el durante unhas horas.