Miro Villar e Xosé Manuel Lobato (coords.)
Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda
Alvarellos, Santiago de Compostela, 322 páxinas, 19 €, 2017.
Chego, meses despois da súa publicación, pero chego, a este monumental Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, que editaron e mimaron con xeito Miro Villar e Xosé Manuel Lobato no selo compostelán Alvarellos e co apoio da asociación cultural Mestre Manuel Gacio que leva anos pulando pola divulgación de todo o patrimonio que abraza o Pico Sacro. E alégrome que alguén me fixese ver a relevancia deste libro pois verdadeiramente é un volume que non debía estar ausente de facermos un balance das publicacións máis salientables que viron a luz este ano 2017 que vai camiñando cara á súa fin.
Para a maior parte de nós o Pico Sacro ocupa un espazo vivo e latexante no imaxinario mítico e identitario que nos envolve. Presente xa nas páxinas do Códice Calixtino, moitas persoas do tempo das Irmandades e do Seminario de Estudos Galegos foron quen de rescatar como testemuña o percorrido realizado por Castelao en xullo de 1924 do que hai constancia fotográfica e unha crónica ad hoc, recollida naturalmente neste libro. Deste xeito, proxecto de editar un volume que o homenaxease é, de seu, unha iniciativa non se pode deixar de de aplaudir pois, ao meu xuízo, vai máis alá dunha meritoria compilación de textos da nosa literatura sobre o Pico Sacro: xustamente, este traballo de recolla e sistematización é o que articula pór en valor a súa relevancia como materia literaria ao longo do tempo e, loxicamente, tamén se ergue como unha chamada de atención para preservar e coidar o que significa, para que se deteña o expolio que nestes últimos anos se vén realizando nel.
Con bo tino, así pois, este libro recolle textos éditos, que abranguen un período de máis de cento cincuenta anos, como son os de Marcial Valladares, Lamas Carvajal, Otero Pedrayo, Neira Vilas, Suso de Toro ou María Solar e inéditos, que se solicitaron no seu día para formar parte deste volume, con voces como as de Rosalía Fernández Rial, Emma Pedreira, Helena Villar Janeiro ou Ramón Vilar Landeira entre outras moitas. Este libro merece, non teño dúbidas, darlle unha oportunidade, lelo e gozar con el, aprendermos todo o que o Pico Sacro significou e significa para nós. Só podo agradecer este espléndido traballo: antolóxico en todas as súas acepcións semánticas.