O sol dentro da cabeza, de Suso Díaz

Suso Díaz

O sol dentro da cabeza

Laiovento, Santiago de Compostela, 114 páxinas, 13,60 €, 2017.

 

Vai concluíndo o ano Casares e, antes de que isto sexa unha realidade para dar paso a focalizar a ollada cara a María Victoria Moreno, non quería deixar de referirme, aínda que sexa moi brevemente, a este libro aparecido hai poucos meses de Suso Díaz, escritor galego radicado en Mérida. Trátase d´O sol dentro da cabeza: un deses proxectos que nacen da inspiración que xera a obra dun autor como é, neste caso, a de Carlos Casares. Suso Díaz, así pois, leu e releu a totalidade da obra do autor de Vento ferido e apañou, aquí e acolá, fíos temáticos de toda índole que circulaban naquelas páxinas mais tamén aprehendeu, e fixo súas, a intencionalidade e o que circula por baixo, isto é, soubo percibir a singularidade do que latexa na obra casariana. Todo por xunto serviu para alicerzar unha proposta poética, ao meu ver, orixinal e resultado dun proceso creativo que resulta escasamente transitado entre nós, tamén en canto á concepción inicial do proxecto: un traballo feito desde a soidade e o silencio porque este sempre persiste: “O silencio canta nos ouvidos, asubía, // apaga e vaise, e segue asubiando”.

Ademais, Suso Díaz, que cultiva a poesía desde hai bastante tempo, confirma como sabe enfrontarse a novos retos e saír deles con fortuna e acerto pois acertada é a estrutura do libro que esencializa esa “poética” que existe na narrativa de Casares: oito partes que son os oito libros de Casares unificados pola presenza, constante e recorente, do sol como símbolo central. Apálpase así, nestas páxinas, unha revisión panorámica da narrativa de Casares, filtrada polo propio acento do poet e, operativa para explorar e recrear os universos feitos con palabras dos soños de quen escribía narrativa, tal e como confesou en moitas ocasións, coas armas da poesía. Todo adquire no libro de Suso Díaz a sensación de sentir múltiples ríos subterráneos a gurgullar que van percorrendi terras agora outra vez fecundadas con outra palabra: terras comúns que son, dalgún xeito, os axiomas presentes na prosa de Casares.. velaí a capital relevancia dos espazos transitados, o amor insubornabale pola literatura, a presenza recorrente da memoria como eixe central do que somos, as pegadas do erotismo, a saudade polo que se foi de vez ou, por só citar algúns, a relevancia que sempre cobran os afectos nas vidas das persoas.

Beizón por este proxecto tan longamente acariñado que desde hai algún tempo é xa un feliz realidade. Convido a coñecelo.