A horta de Simón (tradución de Manuela Rodríguez)
Kalandraka, Pontevedra, 44 páxinas, 15 €, 2017
Vén converténdose nunha tradición, feliz tradición para min, ocuparme, aínda que sexa brevemente, dos textos galardoados nas diversas convocatorias do Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados que chegou, este mesmo ano, ao seu décimo aniversario para consolidarse dun xeito definitivo, se non o estaba xa, como un dos principais do seu xénero.
Nesta convocatoria foi a autora e ilustradora arxentina Rocío Alejandro quen acadou o devandito premio coa obra A horta de Simón: unha proposta, ao meu xuízo, máis que satisfactoria e posuidora de múltiples niveis de lectura. Nela adóptase unha estrutura de carácter progresiva e acumulativa para recrear un motivo central que vén sendo a existencia dunha pequena horta de uso individual que se converterá nun espazo de uso colectivo, operativo para ir cubrindo as necesidades dos veciños e veciñas; asunto inspirado, seica, na horta comunitaria do barrio bonaerense en que vive a autora.
Ao mesmo tempo, A horta de Simón, empregando un rexistro fluído e áxil, semella homenaxear o xénero da fábula, tanto no que se refire aos personaxes protagonistas como, dalgún xeito, á conclusión que, dalgún xeito, convida a pensar nunha ensinanza moral que abre os brazos a asumir a relevancia de conceptos como son a tolerancia, a solidariedade, a amizade e a xenerosidade.
Os meus parabéns para a autora por este álbum, que conta cunhas laboriosas e efectivas ilustracións creadas coa técnica da estampación mediante selos entintados. Un libro de inequívocas resonancias ecoloxistas, que volve a ollada á terra e ao que esta significa, e cuxa lectura me resultou entrañable e íntima, algo que particularmente non ocorre en todos os casos dos álbums ilustrados infantís.