As estrambóticas aventuras do barón de Münchhausen
Bululú, A Coruña, 2017, 40 páxinas, 18,90 €
Gustoume moito esta reinterpretación das aventuras do barón de Münchhausen que acaba de editar Bululú en gran formato e que subscriben Pinto & Chinto. E non só polo valor que posúe ao actualizar aquela peza literaria clásica, isto é, os relatos compilados por Rudolph Erich Raspe, aínda que fose a versión de Gottfreid August Bürger -a que con bo tino inspira textualmente esta edición- a que fixo esquecer o traballo do primeiro. Ao tempo, o libro volve lembrarnos que hai textos fascinantes e moi divertidos na literatura infantil e e xuvenil, polos que pasa o tempo para melloralos, como o que representa estas singulares historias do barón de Münchhausen.
Non sería xusto, daquela, obviar tanto o coidado, áxil e acaído discurso que exhíbe Carlos López nin, por outro lado, a fabulosa interpretación plástica de David Pintor; mesmo cómpre salientar a aposta editorial por un formato nada habitual que facilita a lectura, convida a que se faga coral e posibilita que se detecten os detalles da lectura gráfica máis facilmente. Dun ou doutro xeito, este libro fai que dirixamos a ollada ao Barón de Münchhausen e as súas fantásticas, divertidas, disparatadas e un tanto surrealistas historias que resultan admirables diante do racionalismo imperante na época en que foron concibidas e escritas. Moitos parabéns por esta iniciativa que recomendo vivamente.