Reproduzo o comunicado da Asociación Galega da Crítica sobre a situación actual do Marco de Vigo.
Desde a Asociación Galega da Crítica [AGC] desexamos manifestar publicamente a nosa disconformidade coa situación actual do MARCO, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Unha situación de incerteza e deriva na xestión dunha das poucas institucións públicas dedicadas á produción, xestión e exposición de proxectos das artes visuais contemporáneas que está de paradoxal aniversario: 15 anos desde a súa apertura.
Queremos sumar a nosa voz á denuncia que desde outras organizacións e desde a propia cidadanía se ten manifestado nestes meses.
Hai uns días o seu director Iñaki Martínez Antelo deixaba o seu cargo. Un ano antes, manifestara publicamente a decisión de non renovar o seu contrato na dirección ─un contrato que finalizaba a semana pasada─ debido ás dificultades orzamentarias e demais inxerencias. Houbo, polo tanto, tempo suficiente para que o Padroado do MARCO puidera facer unha convocatoria pública para o cargo seguindo códigos de transparencia e boas prácticas.
Na actualidade, non hai ningunha convocatoria para cubrir ese cargo, nas condicións profesionais, lexítimas e transparentes dun procedemento aberto que conleva este tipo de cargo nunha institución pública.
A falta de información que concrete o presente e o futuro do MARCO, ante as alarmantes declaracións públicas sobre o seu futuro por parte do responsable do Concello de Vigo, ten como resposta que desde a AGC, este colectivo de críticas e críticos das artes visuais, da literatura, das artes escénicas, do cinema e da música, teñamos a vontade de sumarnos a todas organizacións e institucións que queren visibilizar esta situación.
Desde a AGC demandamos ás autoridades competentes que o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, continúe a ser profesional e independente, que sexa un espazo de investigación, documentación e formación de profesionais da arte e da cultura contemporáneas.