O valo (ilustracións de Nuria Díaz)
Xerais, Vigo, 64 páxinas, 15 €, 2017.
Galardoado na novena edición do Premio Manuel María de literatura Dramática Infantil O valo, do escritor Carlos Labraña, é unha proposta teatral moi atractiva que articula un discurso de fondo contido reivindicativo e universal dominado por un sentimento antibelicista. Constrúese, así pois, a través da presenza tan só de dous personaxes, nun único lance, recurso que resulta operativo para concentrar ou focalizar o verdadeiramente relevante, isto é, presentar unha mensaxe claramente recoñecibl, sometida a un filtro esencializador e, ao tempo, luminoso.
Labraña recoñece, a través desta peza teatral, a infancia como un dos territorios máis prexudicados nos contextos bélicos pois neles todo se modifica, nada é o mesmo e, nese sentido, o caso do sufrimento ao que se ven sometidos os nenos e nenas refuxiadas é paradigmático. O traballo deste autor e a ideación deste discurso resulta todo un acerto pois o labor de sensibilización diante de situacións semellantes é un elemento que goza dunha atención salientable nestas páxinas onde tamén se repara na forza da propia palabra para fomentar o diálogo e a comprensión e, asemade, en asuntos non menores como son, por só citar dous, a tolerancia ou a diversidade.
Teño para min que O valo, cando o teatro escolar debe seguir configurándose como unha verdadeira necesidade pola potencialidade pedagóxica e activa que sempre posúe, resulta unha peza moi valiosa. Grazas a Labraña por esta achega.