O castiñeiro do Apalpador, de Inácio

Inácio

O castiñeiro do Apalpador (ilustracións de Nuria Díaz)

Baía Edicións, 30 páxinas, 9,45 €, A Coruña, 2017.

 

Pareceume todo un acerto a publicación desta peza dramática curta titulada O castiñeiro do apalpador, subscrita por Inácio Vilariño, autor de longa traxectoria teatral e creador en 2006 da compañia Fantoches Baj.

Advírtese que o autor é un espléndido coñecedor e do patrimonio que supón a nosa tradición de transmisión oral , sabe difundila, anoala e esencializala para un cometido como é o de converter un carboeiro do Courel na figura do célebre Apalpador a través dunha texto dramático para un público infantil. Nela insire algunhas pinceladas precisas da idiosincrasia e hábitos da nosa antiga sociedade rural, non dá as costas ao humor e abraza unha dinámica imaxinativa moi acaída para establecer un percorrido que nos deixa, como punto final, nesa tradición constatada documental e socioloxicamente como é a do Apalpador. Afonda, ao tempo, nas orixes desta figura e faino dunha maneira solvente, onde salienta o enxeño e a sabedoría popular do protagonista. Unha peza que pode resultar de extraordinario interese pola súa potencialidade pedagóxica, agora que imos chegando ás datas oportunas.