A señorita Bubble (ilustracións de Andrés Meixide)
Xerais, Vigo, 168 páxinas, 12,50 €, 2017
Os arquivos secretos de Escarlatina (ilustracións de Víctor Rivas)
Xerais, Vigo, 64 páxinas, 15,50 €, 2017
Con certa proximidade no tempo cadran dúas novas achegas de Ledicia Costas que considero de regra recoller e comentar, malia que sexa brevemente, neste blog. Trátase, en primeiro lugar, do título A señorita Bubble, aparecido no mes de setembro e que, nestas alturas, xa goza dunha segunda edición en circulación, confirmando indiscutiblemente que a autora viguesa goza dun éxito recoñecido entre lectoras e lectores e, asemade, na recepción crítica de quen ten un ollo aberto sempre á nosa literatura xuvenil e infantil. Costas, así pois, segue abrindo camiños heteroxéneos na nosa narrativa e faino aquí, moi conscientemente, estreando unha estética que se dá en chamar steampunk, operativa para afondar no papel dunha personaxe inesquecible como é a que lle dá nome ao libro e que, no fondo, alicerza un cuestionamento arredor dos estereotipos: a devandita Señorita Bubble -engaiolante “inventora e mecánica”, que viste coma se vivise no século XIX nunha casa que vén sendo unha verdadeira e fascinante casa dos prodixios e que abraza con fe o mundo da ciencia e da tecnoloxía-, actúa como un resorte mediante o que se reivindica o papel de tantas mulleres inventoras que a desmemoria e o esquecemento enguliu e que, ademais, foi condenada á soidade o ao rexeitamento social.
O desenvolvemento narrativo da historia articula unha confluencia entre maxia e realidade extraordinariamente solvente, isto é, Costas sabe demandar un chisco de complicidade para que todo funcione como un reloxo onde o pouso do fantástico deixa un ronsel para pensarmos, outra vez, que a tecnoloxía facilita e fai mellor a vida e non ao revés, mesmo naqueles aspectos que teñen que ver coa felicidade. Non é difícil ver circulando aquí recoñecementos, homenaxes implícitas ou explícitas a Jules Verne, Roald Dahl ou Tim Burton ou ecos dos universos de Mary Shelley ou do mundo de Eduardo Manstesoiras, mais tamén é patente o pouso do humor crítico e corrosivo na configuración dalgúns personaxes como, ao tempo, o agarimo e a emoción que envolven as figuras das irmás Sofi e Noa ou a do pequeno Vincent, verdadeiramente cruciais nesta historia para o seu bo funcionamento, ao que contribúe de maneira destacada a incorporación dunhas ilustracións fantásticas a cargo de Andrés Meixide.
En todos os libros de Ledicia Costas xorden, aquí e acolá, sentenzas postas en boca dos personaxes ou da propia voz narrativa que merecen subliñarse. Unha delas, tan só, de tantas que percorren este libro é a de que a vida supón un “arriscarse polas cousas importantes”. Quen dubida que a creación literaria é, tamén, unha delas e aínda máis se vén dunha nena castigada por unha bibliotecaria a non ler por devolver tarde un libro. Hoxe, aquela nena, é quen de facer estes libros marabillosos.
Como marabilloso e inclasificable resulta Os arquivos secretos de Escarlatina, libro que se sitúa ao abeiro do éxito colleitado por Escarlatina, a cociñeira defunta. Velaquí unha proposta orixinal e escasamente transitada neste formato entre nós e que encherá os devezos por saber máis, por obter máis información sobre este sólido mundo ideado por Costas cunha lectura visual impresionante e suxestiva a cargo de Víctor Rivas, e que contén verdadeiras sorpresas que van desde ofrecer, no mesmo libro, xogos, actividades ou mesmo brindar a oportunidade para participar nun concurso no que se formula un enigma para resolver. O libro responde, así pois, moitas preguntas que, de certo, milleiros de persoas que leron o devandito libro se formularon nalgún día e ten un marcado carácter interactivo. Non é pouco.