Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Estevo Creus, galardoado na XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón

Resultou moi grato para min asistir, como membro do xurado xunto con Xabier Castro, Blanca Ana Roig, Míriam Ferradáns e Daniel Costas Currás, ás deliberacións que outorgaron a XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao libro O lugar que non hai que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Estevo Creus Andrade, que xa resultara galardoado neste mesmo certame en 1998 con Teoría do lugar. Un libro, o desta ocasión e tal e como se sinala na acta do xurado, pragado de imaxes escintilantes e que esculca con brillantez e ironía, desde as instancias da dúbida permenente, nos territorios da outredade, da confusión, do desdobramento e do propio eu poético.

Non podo deixar de referirme á ofrenda floral previa que se lle tributou a Eusebio Lorenzo, no cemiterio de San Xián de Laíño, xunto cos escritores Manuel Lorenzo Baleirón, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, á que tamén asistiron Valentín Alfonsín e Adriana Sóñora. Un acto sinxelo onde soou a palabra de Rilke nunha tradución de Lois Tobío e semelloume que todo o que Rilke escribira un día fora pensado para aquel momento. Particularmente, malia as proximidades xeracionais, non coñecín ao poeta de Dodro, pero si admirei e admiro a súa obra e, sobre todo, foi para min unha satisfacción constatar como o lugar en que el naceu segue a traballar, desde hai tantos anos, por manter viva coa poesía a súa memoria. Que así siga por moitos anos.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 2 Decembro 2017 por en Crónica , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: