Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Calendario 2018. Mulleres, de Pacheco

Pacheco

Calendario 2018. Mulleres (limiar de Ledicia Costas)

Xerais, Vigo, 24 páxinas, 12,95 €

 

Espléndida idea a de confeccionar un almanaque para este ano vindeiro cunha escolla de doce fotografías do gran fotógrafo que foi Pacheco: un artista de orixe portuguesa que se radicou en Vigo e que nos legou, co seu incansable traballo e o dos seus descendentes, un testemuño gráfico da cidade de Vigo e os seus arredores, convertido por dereito propio nun verdadeiro patrimonio cultural e nun dos nosos máximos tesouros visuais como testemuña o denominado Arquivo Pacheco.

Nada máis acertado nesta ocasión que ese limiar subscrito por Ledicia Costas pois sei que coñece, de primeira man, boa parte do que o Arquivo Pacheco encerra.  Costas, daquela, agasállanos cun texto redondo, redactado desde as instancias do coñecemento e o talento, para subliñar a relevancia destas fotografías que rescatan “as orixes da cidade que nos habita”, dese “Vigo calidoscópico” que a saga dos Pacheco atesouraba no número 31 da Rúa do Príncipe. Texto de lectura obrigada antes de pendurar o calendario nas nosas casas.

Das fotografías que se incorporan non hai moito que sinalar pois falan por si soas. O fío común da presenza das mulleres nestas instantáneas convértese, de seu e por se era necesario evocalo, nunha homenaxe silenciosa e elocuente ás mulleres, da condición social que fosen, da profesión que desempeñasen. Desfilan por aquí campesiñas a carón de instrumentistas musicais; traballadoras de Mondariz xunto con vendedoras de roscóns, leite, verzas, patacas ou ovos; rapazas que saen de excursión para coñecer o mundo e outras que presiden un festival no Tamberlick; deportistas e condutoras, limpadoras de peixe e asalariadas das conserveiras; mulleres a pasaren o tempo libremente, agora todas por xunto, recoñecendo así que elas construíron a cidade que hoxe habitamos e que, por extensión, habitamos nelas. A miña gratitude por esta publicación tan fermosa.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 7 Decembro 2017 por en Almanaque,Comentario , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: