Tonecho, de Xaquín Marín

Xaquín Marín

Tonecho (limiar Fausto Isorna)

Galaxia, Vigo, 116 páxinas, 19,90 €, 2017.

 

Alegroume esta iniciativa que levou a cabo a editorial Galaxia por varias razóns. En primeiro lugar porque un autor como Xaquín Marín, a quen admiro desde hai tempo polo seu exemplar traballo, merece algo así; tampouco ocupa un posto secundario o feito que esta publicación dignifica, ademais cun formato tan coidado esteticamente, o mundo da banda deseñada galega e, por último, porque rende tributo ao soporte en que estas tiras cómicas, e non só, viron a luz como foi a revista Golfiño, tal e como se responsabiliza de subliñar o prologuista Fausto Isorna.

Tonecho, así pois, personaxe sospeito que coñecido polos que liamos Golfiño pero tal vez por outras persoas non, perfilábase como un rapaz que vivía nunha cidade innomeada, estudante polo que as vacacións, a escola e o divertimento que supón o fútbol van gobernar parte das vivencias que aquí se espellan, sempre con humor, claro é. Mais cómpre non esquecer que Tonecho abraza un espírito solidario e antibelicista, amósase crítico cos excesos dunha sociedade hiper-consumista, tecnoloxizada en exceso e que non coida o seu propio medio natural como debera e, sobre todo, é dono dunha espontaneidade que os anos non fixeron que deixase de brillar sobre todo por esa lóxica esmagadora que o define e que case sempre cadra cunha reviravolta conclusiva, tantas veces irónica, que fai concluír a lectura cun sorriso nos beizos e que, por riba, ofrece outra perspectiva valorativa que emerxe desde o ámbito do cotián e que tantas veces non somos quen de ver.

Especialmente interesantes son, ao meu ver, aquelas tiras onde Tonecho e o seu creador homenaxean  ao propio mundo da banda deseñada da que sempre sae enxeñosamente airoso, como asemade son acaídas as planas que recuperan outro personaxe saudoso como é o can Palleiro, alén de incorporarse un pequeno cómic en branco e negro susceptible de diversas lecturas e, ao meu ver, cunha enorme utilidade desde o punto de vista pedagóxico e literario.

Recomendo Tonecho, e a súa lectura, e non só por pasar con el un anaco de tempo marabilloso. Tonecho testemuña con brillantez a defensa do poder da imaxinación, reflectida maxistralmente na tira cómica dun grande como é Xaquín Marín.