Á sombra dos bonsais
Galaxia, Vigo, 212 páxinas, 15 €, 2017
Fíxenlle caso este domingo pasado ao consello que se recolle na contracuberta deste último libro de Antón Riveiro Coello: “un pulso coa narrativa curta que anima a ler o libro dunha sentada”. En efecto, probablemente sexa esta a mellor maneira de acoller Á sombra dos bonsais pois achegarse así a esta compilación de relatos posibilita que se vaia revelando de seu esa arquitectura arbórea, que vai de máis mestas e grandes as ponlas-contos do comezo ás máis liviás pero non por iso menos intensas nas derradeiras, como un dos elementos que inspiran a organización e mais o título do libro, e que outorga certo sentido de unidade a esta entrega, alén, loxicamente, da pegada de autor neles, que non é pouco. Outras lecturas, igualmente, son posibles e probablemente satisfactorias.
Para un habelencioso e experimentado narrador, con admirables proxectos de longo alento ao seu lombo, poderíase interpretar que esta é unha entrega de transición á espera doutras propostas de maior entidade. Talvez esa intepretación, teño para min, non sexa a máis acaída pois Riveiro entende que son outras as regras de xogo do xénero e manéxase nelas con extraordinaria solvencia, fundamentalmente coas que remiten ás ideas da eficacia expresiva, contención e a concisión. Sexan ficción ou non, particularmente, resultan da miña predilección aqueles relatos nos que o autor se achega ao territorio do eu, se se me permite a expresión, isto é, os que se abeiran a experiencias e sucedidos, ou recreación de experiencias ou sucedidos mellor sería dicir que, arraizados no espazo máis íntimo das Casas Baratas ou do entorno familiar, brillan con luz propia, mesmo nas breves semblanzas de personaxes particulares, sempre axustadas e precisas. Ademais, nestes e noutros relatos, sexan de corte realista ou fantástico, non faltan nunca a ironía, o humor, a sorpresa e unha ollada humanista e humanizadora, tenra se se quer, ao celme da propia condición humana que evoca ás grandes figuras do xénero.
Un desafío do que o autor sae moi ben parado, nacido ao abeiro de internet onde se puideron ler por vez primeira algúns destes relatos, a carón doutros que o autor contou oralmente nalgunha presentación do seu último libro. Estes e outros absolutamente inéditos agora en papel nunha publicación moi recomendable.