Corpo de Antiochia (limiar de Héctor Acebo)
Galaxia, Vigo, 84 páxinas, 11,80 €, 2017
Hai algún tempo referíame a Nenaespirais, de Tamara Andrés, como un libro pasmosamente maduro en cuxas páxinas xermolaba un exercicio de reflexión sobre a alteridade, a corporeidade e a mais a identidade. Transita a autora de Combarro neste Corpo de Antiochia por algúns destes asuntos parapetada baixo un paratexto significativo de Lois Pereiro onde, entre outras versos se atopan eses que falan da “demolición” como “ferro que nos arma”.
En efecto, hai nel un pairar continuo neste libro do concepto da perda e da derruba mercé ao símbolo da cidade destruída e reconstruída de Antiochia. Así o afirma Héctor Acebo, prologuista do volume, cando escribe que entende a cidade como “símbolo e contexto idóneos da devastación emocional”. Velaquí como a cidade tórnase muller e corpo e será esta a voz dominante, sempre espida e exenta de barroquismos, esencializada, dun libro que pretende volver a un lugar que xa non é para recrear e materializar o concepto do desterro, a ida e a volta, ao tempo que reinvidica a memoria, a imaxinación e a forza creadora, sen esquecer a procura insistente da beleza que tantas veces agroma da destrución. Formúlase así unha viaxe segmentada a través de tres bloques poéticos -extinción, desterro e retorno- con poemas nos que salientan, ao meu ver, eses pertinaces e resistentes golpes que acompañan o ritmo das composicións na súa conclusión, apelando sempre á conciencia da lectora e do lector.
Un libro cruzado por símbolos e imaxes constantes onde a auga ocupa un papel esencial: unha sorte de líquido amniótico que nos rodea e que nos une con todo, co que foi e co que é. “Desprego ás para voar a gramática” dise nun verso. Que así continúe.