O lapis máxico de Malala (tradución de María Alonso Seisdedos)
Xerais, Vigo, 48 páxinas, 14 €, 2017
Moi oportuno paréceme este libro onde Malala conta a historia da súa propia vida para o lectorado máis novo, aínda que talvez sexa un libro este situado á mantenta, pola dimensión internacional da protagonista, nese gume en que resulta máis que posible aproveitar a publicación para outras franxas de idade e recepción.
Abrazando un discurso expresivo sinxelo e áxil, acompañado polas ilustracións do equipo de ilustradores que se fan chamar Kerascoët e traducido exemplarmente por María Alonso Seisdedos, O lapis máxico de Malala explora a historia dunha nena que acredita no relevancia que posúen as propias conviccións e na importancia depositada na educación e na igualdade de xéneros. Na realidade trátase dunha recreación, en forma de álbum ilustrado, das célebres cartas que Malala decidiu enviar para difundir internacionalmente a inxustiza que supuña a prohibición, que sentiu nas súas propias carnes, cando as nenas non puideron seguir indo á escola pola imposición ideolóxica do réxime dos talibáns de Paquistán. O motivo do lapis máxico ao que alude revélase como especialmente operativo para a súa conversión nun símbolo que fundamente un cambio social a prol da defensa dos dereitos das mulleres, impulsando a igualdade de xéneros e de oportunidades e reivindicando con claridade o dereito universal, tantas veces conculcado, á educación. Por extensión, claro é, o seu libro, a súa vida, incorpora silandeiramente unha denuncia contra este e todos os totalitarismos posibles.
Teño para min que resulta unha achega especialmente acaída para a difusión dos valores que encarna a figura de Malala -especialmente útiles parécenme os anexos que incorporan unha carta da autora e mais unha breve semblanza biográfica-, subliñando a inequívoca forza que atesouran as palabras, e aínda máis en contextos e situacións hostís.