O branco non pinta, de Antía Otero e María Brenn

Antía Otero e María Brenn

O branco non pinta

Apiario, col. Niño de abella, s/p, 16 €, A Coruña, 2017.

 

En tantas ocasións as ideas sinxelas son as que carrexan proxectos marabillosos. Isto é, a meu entender, o que ben puido ocorrer con O branco non pinta, que se acolle na colección “Niño de abella”, de Apiario, tras Caer de cu polo universo e mais Porque Cuqui non quere ir á lavadora.

Velaquí, así pois, un álbum infantil que se idea baixo o concepto da cor branca e que, por extensión, lle rende unha implícita homenaxe a aquela que reflicte todas as cores do espectro. No libro establécese un diálogo limpo e directo cos conceptos de  ledicia,  paz,  verdade e inocencia e faise cun discurso sinxelo, coidado e, ao tempo, cargado de lirismo, onde as palabras -outorgándolle unha especial atención ao fonosimbolismo de tantas delas- recuperan a súa plena dimensión semántica para potenciar a forza da imaxinación vehiculizando así as asociacións máis fantásticas como testemuña a propia lectura visual da man  de María Brenn, conducíndonos devagar por este universo ata acadar o seu punto máis álxido nese unicornio máxico que coroa a historia.

Dicía Gilbert K. Chesterton que o branco non era unha simple ausencia de cor: para el era “brillo e positivismo, tan ardente como o vermello, tan definitivo como o negro”. Sen dúbida aquí así se reflicte e nese ronsel navega este O branco non pinta.  Un libro que,  talvez nunca mellor dito, dá verdadeiramente no branco.