No ano 2012 soliciteille a Xabier P. DoCampo algún manuscrito para ilustrar unha sección que mantiña neste blog. Xabier enviárame aquilo que naquel momento tiña entre mans, isto é, anotacións e ideas para desenvolver o que hoxe podemos ler n´A nena do abrigo de astracán. Creo que resulta oportuno deixar hoxe aquí estes dous galanos de Xabier e reproduzo tamén os comentarios que acompañaran a dous apuntamentos anteriores:
[No primeiro documento vense] notas que non constitúen texto literario ningún pois, segundo o autor, “este irá adquirindo forma máis tarde e directamente xa no ordenador. Isto non quere dicir que non existan manuscritos de propostas narrativas, que os hai, agás nos contos que -como confesa- son fragmentarios, porque hai anacos que fago manuscritos e anacos que fago directamente no computador, mesmo uns continuación dos outros”.
O plano de traballo, deste xeito, aliméntase con esquemas, notas, planos…, recollidos en cadernos que, ao longo da ideación do libro, van canda el a todas as partes. No devandito manuscrito pódense observar o que son dúas páxinas que deseñan a chegada da protagonista da novela, unha nena de nove anos, a unha casa que desde ese momento será a súa: ideas que van e veñen, para quedar, para se modificar, para desaparecer nalgúns casos…, todas a revelar que o traballo é, sempre, intenso, absorbente e moi planificado.
[No segundo manuscrito obsérvase] un anaco do esquema do segundo capítulo no que se dá “unha aparición da virxe moi particular (e, en boa parte, tirada dun feito real)”.
A novela, segundo o autor, era un proxecto de vello: “comecei lle dar voltas hai dez anos, non é, nin moito menos, unha novela infantil ou xuvenil. Levo traballado oito anos nela e quédame aínda moitísimo traballo por diante para dala por finalizada”.