Seis lecturas para o Nadal

Esta pasado venres día 22 de decembro as páxinas do suplemento Fugas acolleron unha colaboración na que destaco seis libros para estas datas. Consciente de que, por fortuna, ben podían ser outros moitos títulos con eles quero desexarvos un Nadal con moitas lecturas e agradecer a todas as persoas que seguen a visitar este blog e as miñas redes sociais, a editoriais, autoras e autores e plataformas nas que escribo a vosa constante e xenerosa atención.

 

CERVATOS

LUCÍA NOVAS

EDITORIAL: FAKTORÍA K

96 PÁXINAS, 12 EUROS

Había algúns anos que Lucía Novas (Bueu, 1979) non publicaba un libro independente. Cervatos confirma a presenza dunha poeta en proxección pois lánzase aquí, sen rede e con valentía, á confluencia entre o híbrido e o mestizo, o kicht e os ouropeis,  para deitar unha ollada fragmentaria e incisiva ao tempo que pasa e a como nós pasamos polo tempo.

 

 

 

A HISTORIA INTERMINABLE

MICHAEL ENDE

TRADUTOR: ANTÓN PALACIO

EDITORIAL: SANTILLANA-OQUELEO

536 PÁXINAS, 13,95 EUROS

Máis aló do gozo que supón saborear as aventuras de Atreyu e Bastián para quen as descoñeza e alén da saudade que se pode sentir por retomar unha lectura  redonda e inesquecible, este Nadal  pode ser unha boa ocasión para esculcar na dimensión que Ende lle outorgou a este libro como novela de formación e como alegoría dunha procura do paraíso á inversa.

 

 

A SENDA DE SAL

FRAN FERNÁNDEZ DAVILA

EDITORIAL: GALAXIA

136 PÁXINAS, 14 EUROS

Un libro galardoado no premio de novela por entregas La Voz de Galicia que supón a estrea literaria dun autor preocupado tanto polo discurso expresivo como por medir milimetricamente o avance dunha intriga solvente que,  situada no sur de Galicia, mestura o recendo histórico coa identidade persoal e colectiva camiñando cara a  un acaído axuste final.

 

 

CULPABLE

ELI RÍOS

EDITORIAL: XERAIS

72 PÁXINAS, 12,50 EUROS

Tras a novela Luns (premio Torrente Ballester) Eli Ríos publicou este libro co que gañou a cuarta edición do galardón que leva o nome do poeta muxián López Abente: Culpable é un texto novidoso e formalmente arriscado no que a autora dinamita a linguaxe, as perspectivas e as fronteiras de xéneros para establecer unha batalla visceral contra o eu lírico.

 

 

LUMES

ISMAEL RAMOS

EDITORIAL: APIARIO

72 PÁXINAS, 16 EUROS

Ramos (Mazaricos, 1994) ofrece agora un libro singular e editado con requinte: nel abraza un formato que hibrida poesía e narrativa e que se alicerza desde unha pluralidade de voces, en moitas ocasións pertencentes á contorna familiar. Os “lumes” deste libro semellan luces e articulan un canto resistente a prol da escrita como rebeldía, como necesidade e como vida.

 

 

CHIMAMANDA NGOZI ADICHIE

O HIBISCO PÚRPURA

EDITORIAL: RINOCERONTE

TRADUTOR: MOISÉS R. BARCIA

326 PÁXINAS, 20 EUROS

Adichie (Abba, Nixeria, 1977) é, hoxe, unha das voces de referencia internacional e Rinoceronte achéganos a que foi a súa primeira proposta narrativa: un texto concibido como unha novela de formación e, ao tempo, unha denuncia da intolerancia, do fanatismo relixioso e da xerarquía patriarcal, perfectamente aplicable a outras realidades non exclusivamente africanas.