Efemérides literarias galegas (o que vén no 2018)

A obra literaria e o percorrido vital de María Victoria Moreno ha ocupar boa parte da atención mediática deste vindeiro ano ao protagonizar o Día das Letras 2018 mais sería desexable que non pasasen desapercibidos os centenarios do nacemento de diversas voces como foron o dramaturgo Agustín Magán, o poeta Xosé Conde e, sobre todo, os de Marcial Suárez (15 de febreiro) e Pura Vázquez (o 31 de marzo, de quen tamén se cumpren cincuenta anos da publicación do seu libro Versos para nenos da aldea).

Asemade cen anos transcorreron desde o falecemento de Eladio Oviedo Arce,  Xosé Pérez Ballesteros e mais Lois Porteiro Garea (o 27 de outubro).

No Calendario do Libro e da Lectura incorporáronse efemérides como as do cincuenta aniversario da publicación d’A Galiña Azul de Carlos Casares (o 23 de decembro), a do setenta aniversario do discurso ‘Alba de gloria’ pronunciado por Castelao e o do noventa aniversario do libro De catro a catro, de Manuel Antonio (o 27 de marzo), alén de suxerir a celebracón do 130º aniversario do nacemento de Ramón Otero Pedrayo (o 5 de marzo).

Mais cincuenta anos pasaron tamén desde a publicación dos Poemas populares galegos, de Manuel Rodríguez López; do Diccionario Galego-Castelán, de X.L. Franco Grande; d´O porvir da lingua galega, de Xesús Alonso Montero e, ao tempo, tanto da primeira edición non mutilada pola censura de Manso, de Lueiro Rey, que viu a luz en Buenos Aires con cuberta de Luís Seoane e que logo se traduciría ao galego en 1996, como así mesmo das primeiras edicións da Viaxe ao país dos ananos  e mais das Cantigas de escarnio e maldecir,  asinadas estas últimas polo heterónimo satírico Arístides Silveira de Celso Emilio Ferreiro.

A memoria do que somos repousa tamén aquí, sería bo non esquecelo.