Hai algúns días Manuel Gago, director de culturagalega.gal, solicitoume un brevísimo texto valorativo sobre literatura galega deste ano que conclúe. A ditadura que impón o número de caracteres esixe, daquela, unha visión moi panorámica e, á forza, incompleta mais nela quixen deseñar o que entendo como algunhas liñas de sentido da literatura galega deste 2017.
A miña colaboración pódese ler premendo aquí (onde se inclúen tamén as valoracións sobre “arte”, a cargo de Natalia Poncela, e “música”, subscrita por Adrián Cunha) ou neste mesmo apuntamento, onde me permito actualizar un par de referencias. A miña gratitude por cursarme esta invitación.
Nunca os balances son doados, e menos aínda se gozan dunha escasa perspectiva temporal. Con todo, alén deses galardóns que fan volver a vista á importancia do que aquí se fai -e penso nas concesións de senllos premios de carácter estatal a Antonio García Teijeiro e Ledicia Costas-, das publicacións orientadas a actualizar a obra e a vida de Carlos Casares, alén das inevitables despedidas como foron as de Xohana Torres, Paco Souto, José Luís Sucasas e Miguel Suárez Abel, talvez se poidan percibir algunhas liñas de sentido xerais.
En síntese apuntaría o excelente momento que atravesa a poesía con achegas de salientable calidade-, a literatura infantil e xuvenil e mesmo o ensaio, mentres que o teatro continúa a tendencia resistente dos últimos tempos. Na narrativa talvez salientaría a relevancia que van gozando os roteiros literarios organizados aquí e alá, ademais do retorno dalgunhas voces -Reimóndez, Lopo, Moure, Feijoo, Eyré, Pedreira, Calveiro, DoCampo, Nacho Taibo ou Riveiro Coello- ou a estrea de voces como as de Eli Ríos, Carracedo Porto ou Benito Reza, entre outras.
A aparición dun selo editorial moi atractivo como “Oqueleo” e a posta en marcha doutro proxecto como é Aira Editorial, cando Edicións do Cumio xa é só un recordo, completan esta visión á espera doutro ano que, coma sempre, ha traer magníficos libros.