Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob

Marcel Schwob

Vidas imaxinarias (tradución de Samuel Solleiro)

Aira, Allariz, 184 páxinas, 24,90 €, 2017.

 

Hai poucas datas botou a andar un novo proxecto editorial que, sen dúbida, cómpre saudar. Baixo o nome de Aira, “da man da experiencia lectora e lletraferit da libraría (allaricense) Aira das Letras”, lánzase ao mercado con tres títulos diferentes: Alter-Nativo, un suxestivo cómic de Jorge Campos, sen palabras e con múltiples niveis de lectura; o libro de poemas Curiosidade que, desde o título, convida a internarnos na estética singular de Estíbaliz Espinosa e mais estas Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob.

O “envoltorio” que acolle este breve libro dun autor verdadeiramente de culto como foi o francés Schwob (1867-1905) penso que resulta dificilmente superable pois o proxecto fai confluír vontades e esforzos que deitan unha excelente factura. Velaí, así pois, a tradución impecable de Samuel Solleiro, o limiar de obrigada lectura, por luminoso e esclarecedor, a cargo do escritor lucense Xosé Miranda,  e aínda máis o diálogo implícito que se establece entre os diversos relatos do autor francés e a interpretación visual dun amplo grupo de artistas plásticos que van desde Jacobo Fernández Serrano, responsable da ilustración da cuberta, ata Dani Padrón ou Nuria Díaz por só citar dous nomes.

Mais, alén do interese que este libro suscitou en grandes voces como as de Jorge Luis Borges, Tabucchi ou Michon, entre outras, que ofrece Schwob aquí? Un conxunto de relatos que, fóra de considerarse o paso inicial no que se deu en chamarse (estimulantes) “biografías literarias ou creativas” nas que se irmanda ficción, realidade e historia, serve para furar en espazos, tempos e personaxes diversos con naturalidade, cunha erudición que non se agocha á mantenta e co obxectivo de afondar en personaxes inventados ou non, mais tamén nos mitos e ofrecer, daquela, unha lectura nova e sorprendente daqueles. Estas Vidas… están gobernadas por unha inusual potencia imaxinativa e creadora que se acaroa no estilo á síntese e ao esencialismo usando a palabra xusta coma o gume dun escalpelo afiado para revelar universos definidos con acerto e exactitude polo prologuista do volume: historias cruzadas por “elementos visionarios”, “viaxes” que procuran “utopías inalcanzables” con elementos de filiación fantástica que “irrompen no mundo ordinario”, iso ao que nós estamos tan afeitos. Non podo máis que recomendar este libro, imprescindible nas nosas bibliotecas.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 5 de xaneiro de 2018.

Advertisements

2 comentarios en “Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob

  1. Pingback: 'Vidas imaxinarias', no 'Fugas' de 'La Voz de Galicia' (7/01/2018) | Aira Editorial

  2. Pingback: 'Vidas imaxinarias', no 'Fugas' de 'La Voz de Galicia' | Aira Editorial

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: