Nube de neve, de Xabier P. DoCampo

Xabier P. DoCampo

Nube de neve (ilustracións de Xosé Cobas)

Oqueleo, 48 páxinas, 8,15 €, Santiago de Compostela, 2017

 

Asomarse, e gorentar, a palabra de Xabier P. DoCampo é sempre un pracer, por riba de valados ou fronteiras que poidan supor franxas de idade e argumentos semellantes. Se, por riba, a palabra do autor vai acompañada da sempre sorprendente e engaiolante lectura visual do ilustrador e artista plástico Xosé Cobas, non minto ao afirmar que o resultado final supón, verdadeiramente, unha regalía.

Isto ocorre con Nube de neve, editado impecablemente por Oqueleo, pois non dubido que calquera persoa que goce da oportunidade de ler este libro estará de acordo comigo. A través das súas páxinas, que de novo suxiren moi diversos niveis de lectura, posibilítasenos reflexionar da man dunha protagonista, Oria, sobre os desatinos que poden derivarse da manipulación dos ciclos da natureza ao noso antollo e pensando só na propia conveniencia ou proveito. Hai, xa que logo, moitos saberes e experiencias contidas neste libro, alén do que se amosa dun xeito natural  sobre como construír un texto literario suxestivo, inspirado nunha  idea cargada de forza imaxinativa e efectiva argumentalmente como é a de apropiarse dunha nube de neve para ter folerpas cando se queira.

A devandita dimensión imaxinativa -acompañada de inequívocas doses de humor e mais de evidentes suxestións para traballar valores como poden ser a responsabilidade persoal ou a relevancia de manter, sempre, un espírito respectuoso co medio ambiente-, con todo e ao meu parecer, queda nun segundo plano porque este Nube de neve permite reencontrarse, prioritariamente e de novo, coa excelente literatura infantil que, na nosa lingua, se escribe hoxe. Grazas a Xabier por idealo, grazas a Xosé por ilustrárnolo, grazas a Oqueleo por convertelo nun fermoso libro.