Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O baúl de Domingos Quintas, de Xoán Babarro

Xoán Babarro

O baúl de Domingos Quintas (ilustracións de Estefanía Padullés)

Hércules de Ediciones, A Coruña, 80 páxinas, 13,50 €, 2017

 

Non son quen de lembrar se me ocupei, ou non, dalgunha mostra do traballo literario, extenso e intenso, de Xoán Babarro. Con todo, nunca é tarde e aínda máis se a oportunidade nola brinda este O baúl de Domingos Quintas, que confirma a madureza e solidez dunha traxectoria creativa, desenvolta ao longo de moitos anos no ámbito da literatura infantil e xuvenil en lingua galega como ben se testemuñou en 2015 cando foi nomeado socio de honra da  Gálix, cunha laudatio pronunciada pola escritora Concha Blanco.

O baúl de Domingos Quintas  preséntase, así pois, como unha historia de carácter autobiográfico coa que, como se sinala tanto nun prólogo como nun epílogo, o autor persegue render homenaxe ao seu bisavó desde que a voz narradora relata a apertura dun vello baúl onde se atopan singulares poemas escritos sobre cortizas de bidueiro, composicións que están vinculadas co mundo da fauna en xeral, tanto aquela máis especificamente galega como a que resulta máis allea a nós.

Alén do coidadoso traballo compositivo, especialmente atento ao ritmo interno dos versos, á sonoridade e á dimensión semántica da palabra, Babarro convídanos a percorrer un universo constituído, como sinala, por todos os animais que atesoura o baúl e que se sitúan entre “o chan verde e o ceo azul”. Se este traballo creativo resulta interesante de seu, o libro adquire outra dimensión ou, se se quere, outra lectura, ao incluír en cada un dos poemas unha nota ao rodapé de carácter moi diverso onde, dun xeito breve, abre outras posibilidades e suxestións interpretativas e asociativas ao poema ao establecer diversas vinculacións do obxecto de atención poético noutras voces da nosa literatura, na literatura popular -adiviñas, refráns, contos, cantigas de berce, coplas, romances, cántigas, esconxuros, trabalinguas, fórmulas expresivas para os xogos…- así como nos ecos que se rastrexan noutras literaturas como as catalá, siciliana, romanesa, francesa ou moldava e, mesmo, resonancias que se poden atopar en cantos recitativos vivos no folclore mexicano, açoriano ou mesmo murciano.

Paréceme  moi a ter en conta esta achega de Babarro, con ilustracións de trazo limpo e coidado de Padullés, no xénero da poesía galega para as persoas máis novas, e non só.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: