Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cervatos, de Lucía Novas

Lucía Novas

Cervatos

Faktoría K, Pontevedra, 96 páxinas, 12 €, 2017

 

 

Amplíase e enriquécese o catálogo da serie poética Tambo, que dirixe en Faktoría K o escritor Luís Rei, ao incorporar un libro tan innovador e escintilante como o que subscribe a poeta Lucía Novas. Cervatos, inevitable e felizmente, dialoga con Neve, o seu título anterior publicado hai xa oito anos, no que xa salientaba un uso recorrente e consciente das enumeracións léxicas e a vontade explícita de focalizar a atención na dimensión semántica e simbólica da palabra, constituída e reconstituída a lume lento e agora espida e depurada case ata a extenuación.

A poesía de Novas revístese sempre dun significado impresivo que cómpre, libremente, codificar desde as fronteiras dunha linguaxe que, como en María Mariño, se dinamitan. E revélase así ou, se se quer, poténciase este extremo establecendo unha dinámica particular que abraza o símbolo do cervato, vinculado tamén coa poesía e a música: a cría do cervo, fráxil e fermosa, loxicamente dependente da nai e da manda, é un ser un tanto desvalido e, talvez, inocente. Contra esa lectura, ou talvez, sobre esa lectura érguese este libro. O cervato, así pois, preséntase como o núcleo que sostén un contraste continuo porque desde o bosque, onde  vive alleo ao paso do tempo e abeirado a unha contorna protectora, asociado á fertilidade e ao amor, ao corpo e á propia vida, a súa presenza sométese agora a unha ollada híbrida na que se desvela ese diálogo cun entorno de asfalto, coa atmosfera máis kitsch e cun son no que reverbera unha crítica á postmodernidade pero á que non se lle dá as costas reutilizando os seus referentes, tantas veces esmaltados cun verniz de ironía.

E todo isto mercé o recurso da colaxe e do fragmentarismo; grazas á imaxe visionaria porque a idea case sempre é imaxe; xogando coa percepción libérrima que obtemos ao ler ou oír as enumeracións, entre as que están tamén as deses espazos e lugares verdadeiros que aquí se nomean: certos porque non están en mapa ningún. Cervatos rouba a transparencia e interpélanos desde a transgresión, desde a cerna da subversión. Non é pouco.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 19 de xaneiro de 2018.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 22 Xaneiro 2018 por en Crítica literaria,Poesía , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: