Um elefante no armário, de Teresa Moure

Teresa Moure

Um elefante no armário

Através Editora, Compostela, 328 páxinas, 18 €

 

Meteunos un elefante literario nun armario Teresa Moure, como ben puido introducilo nun salón ou nun cuarto, tal e como evoca a expresión “elephant in the room”, coa que se fai referencia ben a unha verdade evidente que se ignora  ben a un problema que, por diversas razóns, ninguén desexa dilucidar. Algo disto circula nesta novela onde o elefante encarna culpas,  dúbidas e, sobre todo, a verdade ou verdades que atesoura unha sólida protagonista chamada Ana Brouwer, cuxa presenza, opinións, personalidade ou mesmo alteridade centraliza o argumento.

Na novela incorpórase unha tipoloxía textual diversa -poemas, relatos, correos electrónicos, ensaios, entrevistas…- inserida nunha estrutura onde alén de varias voces –incluída a da protagonista: unha muller críptica, poética e enigmática- xorde unha distinta que nos guía polas páxinas doutra novela interior que desvela o percorrido vital de Ana, que vai construíndose diante de nós mercé diferentes puntos de vista que, dalgún xeito, resultan complementarios. Na verosimilitude, confluencia fortuíta e coherencia destes personaxes, isto é, de Mauricio -escritor de talento medio sen inspiración e convertido nun voyeur-, de  Natalia -amiga de Ana e profesora universitaria con quen comparte vivencias e afectos-,  de Ingrid -unha psicóloga que desenvolve un papel fundamental nesta historia- e da  propia Ana, repousa boa parte do fío argumental  da proposta.

Nese intento de desvelar que fai ese elefante, as razóns do seu existir, e se debemos matalo ou alimentalo, asistimos ao proceso que permite desvelar ese mundo singular de Ana, especialista en filosofía e autora ademais dun libro de relatos e poemas que resulta operativo, xunto con outros textos de filiación diversa, para coñecela máis a fondo. Ana é quen defende, ocorra o que ocorra, dicir sempre a Verdade, esa verdade que por veces é unha lousa pesada e ofegante para a súa vida.

Moure sabe manter a atención de quen se achegue á súa obra, desorientándonos ás veces e facendo que pasemos polo gume xa non navalla senón da propia verdade do relato. Convídanos asív a constatar os límites entre o certo e o incerto, sen dar as costas ao universo da creación literaria, aos límites da novela, da súa operatividade e funcionalidade, se a ten, no noso tempo. Un texto, en fin, pragado de preguntas, en moitas ocasións formuladas para que sexamos nós quen as respondamos, e de asuntos  como o poder da sedución e do sexo, a actuación social e individual diante dos abusos ou a relevancia do concepto do compromiso. Nunha pasaxe dise que a existencia vén sendo “un relato que contamos perante un auditorio invisíbel”, e disto tamén se ocupa a novela, quer dicir, da propia vida.