A censura franquista e Manso, de Lueiro Rey, na revista Creneida

Descubro, mercé ao profesor da universidade italiana de Macerata, Andrea Bresadola, Creneida, que é unha revista científica en formato electrónico dirixida polo profesor Rafael Bonilla e publicada ao abeiro do Departamento de Literatura Española da Universidade de Córdoba.

A quinta entrega desta serie inclúe unha sección monográfica titulada “La censura en tiempos de Franco”. Alén de diversas colaboracións de interese destaco,  por se tratar dun autor obxecto do meu interese desde hai anos, o oportuno artigo Manuel Lueiro Rey frente a la censura franquista: los avatares de Manso , que recomendo vivamente pois revela aspectos descoñecidos ata agora arredor da sorte que correu este libro diante da censura franquista. Libro que,  xustamente hai agora cincuenta anos, viu publicada a súa segunda edición en Bos Aires.

Unha moi feliz noticia para todas as persoas que constituímos a “Causa Lueiro”. Beizóns e parabéns ao profesor Bresadola pola súa rigorosidade e polo seu interese, tamén por internacionalizar os estudos literarios verbo da obra de Manuel Lueiro Rey.