Por que?
Kalandraka, 2017, Pontevedra, 40 páxinas, 14 €
Un acerto, sen dúbida, esta nova edición dun libro dificilmente atopable hoxe en día e que vén da da man de Nikolai Popov como é Por que?
Na realidade Por que?, á marxe de se tratar dun álbum no que a ausencia de palabras reforza a atención que cómpre prestar á dimensión estritamente visual da proposta, inspírase nun concepto -non sei se novo pero cando menos escasamente transitado- que require a posta en marcha dun proceso de recepción no que a decodificación non vai da palabra -aquí, repito, ausente á mantenta- á ilustración senón xustamente nun sentido inverso que esixe unha maior atención aos detalles para poñer en marcha e crear a “nosa” propia interpretación do relato visual que, camiña, indefectiblemente, pola dimensión do incomprensible e do absurdo, tamén da violencia gratuíta que, en tantas ocasións, atesouran os enfrontamentos e as guerras a medraren nunha espiral crecente que conclúe na devastación. Non en van Popov fai uso dos animais como protagonistas da historia, polo que non se desapega conscientemente do xénero da fábula para deitar unha conclusión se se quer didáctica que, sen dubidalo, provoca a reflexión e esperta o espírito crítico, sexa cal for a idade de quen se achegue a estas páxinas.
A paisaxe final, coma se o círculo da historia se pechase, vén ser a mesma que se representa ao comezo do libro mais coa diferenza palpable de que todo se destruíu sen que, no fondo, se saiba a razón ou talvez si, isto é, se cadra por unha carreira desenfreada cara a ningures.