Cuestionario Proust: Arantza Portabales

Arantza Portabales

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

– Son moi testana.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

-A lealdade. E recoñezo que sinto moita debilidade pola xente moi intelixente.

3.– Que agarda das súas amizades?

-Que sexan quen de cuspirme as verdades á cara.

4.– A súa principal eiva?

-Pois coido que a mesma que xa dixen. Son moi testana. Para ben e para mal.

5.–  A súa ocupación favorita?

Unha cea con amigos.

6.–  O seu ideal de felicidade?

-A felicidade son pequenos instantes que compoñen un calidoscopio vital. Debe consumirse en groliños pequenos para saboreala ben.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

-Perder una filla. Vela sufrir. A maternidade ensinoume o significado real do medo.

8.– Que lle gustaría ser?

-Coido que xa aprendín que abonda con ser un mesmo.

9.– En que país desexaría vivir?

-Vivo onde sempre desexei vivir.

10.– A súa cor favorita?

-Celeste.

11.– A flor que máis lle gusta?

-O tulipán.

12.– O paxaro que prefire?

-Colibrí.

13.– A súa devoción na prosa?

-Raymond Carver.

14.– E na poesía?

-Non son unha grande lectora de poesía. Quizais quedaría con Benedetti e con Miguel Hernández.

15.-Un libro?

-Catedral.

16.– Un heroe de ficción?

-Florentino Ariza.

17.– Unha heroína?

-Mafalda.

18.– A súa música favorita?

-Son moi ecléctica e vou por rachas. Agora estou con Iván Ferreiro.

19.– Na pintura?

-Edward Hopper.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

-Son moi de heroes anónimos.

21.– O seu nome favorito?

-Alejandro, o do meu pai.

22.– Que hábito alleo non soporta?

-A necidade.

23.– O que máis odia?

-A envexa e a soberbia.

24.– A figura histórica que máis despreza?

-Adolf Hitler.

25.– Un feito militar que admire?

-Admirar e militar na mesma frase?

26.– Que don natural lle gustaría ter?

-Son tan imperfecta en tantos aspectos que me dá vergoña enumeralos todos. Coido que toca conformarse co que hai.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

-Xa o pensarei mañá.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

-Como din as miñas amigas, o de “a cabesiña non para”.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

-Os provocados pola combinación de ilusión e falla de experiencia.

30.– Un lema na súa vida?

-Todo pasa por algo.