Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Lois Pérez

Lois Pérez

(fotos do autor: Alba Díaz)

1.– Principal trazo do seu  carácter?

– O sentido do humor.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– A xenerosidade. Tento non pedir máis do que dou, pero non me conformo con menos.

3.– Que agarda das súas amizades?

–  Máis ben desexo que teñan un longo camiño, e saúde e amor. Talvez que conviden a un trago. Ou a dous. E que estean aí cando veña o malo. No bo xa está todo Cristo.

4.– A súa principal eiva?

– Moitas, non podería elixir unha soa. Non quero pecar de vaidoso.

5.–  A súa ocupación favorita?

– Trasnoitar, ler, amar, beber, conversar, escribir, cantar, tocar, contar, xogar co Loisiño, viaxar… Coma no verso de Vian: ver a sombra en cor e os monos do Brasil, que dormen sen soñar… Tanto por facer, contra a escuridade.

6.–  O seu ideal de felicidade?

– A xustiza social e a paz como consecuencia, cousas que os meus ollos non verán. A falta diso, ver o solpor coa Alba e co Lois. Imagine-all-the-people…

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– Morrer. E non vivir pra contalo.

8.– Que lle gustaría ser?

– Xa entrados en gastos… O inmortal de Borges, ou desertor nunha guerra.

9.– En que país desexaría vivir?

– Nun que non estea gobernado por delincuentes, coma o noso. Agora mesmo: en Portugal. Ou no Couto Mixto. Ou na República Independente da Illa de Arousa. Uxía presidenta!

10.– A súa cor favorita?

–  O negro de Johnny Cash.

11.– A flor que máis lle gusta?

A flor da derrota, a rosa sen porqué. Ou a lila que agromou da Antártida, no conto aquel de Gianni Rodari. Dead flowers. Ou Cuatro rosas (en tu honor).

12.– O paxaro que prefire?

– O que voa libre, vista larga, voo baixo e preciso. O Freebird de Lynyrd Skynyrd. O paxaro cantor que adoza as súas cordas, o día que me queiras… O raio misterioso aniñará no teu pelo e as lucernas curiosas verán que es o meu consolo.

13.– A súa devoción na prosa?

– Lucía Berlín, Roberto Bolaño e Borges, Carson McCullers, Dostoievski… Pron, Mirolad Pavic, Knausgard… Mia Couto, Mezz Mezrow. Cunqueiro es dios!

14.– E na poesía?

– Vicente Huidobro, Anne Marie Morris, Roque Dalton. Darío Xohán Cabana.

15.- Un libro?

Os libros arden mal, de Manuel Rivas. Pero moitos máis.

16.– Un heroe de ficción?

– Arxentino da Rocha Alemparte. Ou o Emmet Ray de Woody Allen.

17.– Unha heroína?

– Catherine, a policía de Happy Valley; Elvira, a d´A Arte de Trobar.

18.– A súa música favorita?

– Bowie, Siniestro, Resentidos, Pappo Napolitano, Etta James, Lavern Baker, Stones, Auserón, Boris Vian, o Loco, Muddy Waters. Calamaro, Edgar Varese, Fluzo.

19.– Na pintura?

– Suzanne Valadon, a nai de Utrillo. Por todo. Maruxa Mallo. Sempre Frida.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

– Meus avós, os que morreron e os que viven. Todas as nais e pais coas súas crianzas ao lombo, que a esta hora deambulan pola encrucillada da vergoña, onde choran as estrelas, onde as fronteiras están pechadas, ben preto xa da morte.

 21.– O seu nome favorito?

– Alba.

22.– Que hábito alleo non soporta?

– Falar por non estar calado. Que lle voten aos corruptos, malia o monte queimado, malia que calcinen todo ao seu paso… A mala fe.

23.– O que máis odia?

– A xente que actúa e fala pensando que inventou o caldo; odiar non odio a ninguén (agardo non caer nese erro); procuro cultivar o amor e a compaixón, pero prodúceme certo rexeitamento e mágoa, pola ousadía, certa xente que non ten puta idea e pensa que si a ten. Tento evitalo eu mesmo na medida do posíbel. Non sempre se consegue. Temos días.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– Calquera fascista, que castigou ou castiga aos de abaixo, aos que sofren a historia, polo delirio egoísta de catro imbéciles que pensan que vivirán eternamente.

25.– Un feito militar que admire?

–  A revolución dos caraveis. O incidente do cabalo no desfile franquista aquel, na Coruña, o que presenciou Lugrís: un cabalo tirou o seu xinete ao chan, un militar. Fíxose o silencio e ergueu Lugrís, berrando: bravo! bravo! E axitaba o pano, diante dos fachas.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– O dos verdadeiros músicos. Cando toco a guitarra, lembro o que dicían de Lou Reed: nunca se soubo se tiña unha guitarra moi rara que soaba moi ben ou unha guitarra moi boa que soaba moi raro.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

–  Morrer soñando. Ou soñando morrer.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– A ledicia blue, indignación e contemplación. Ser tristemente alegre, ou ledamente triste. “Son feliz estando triste” Malandrómeda. A cabeza non para.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– Os meus. Sei que malia todo son bo chaval.

30.– Un lema na súa vida?

–  Rock and roll. Nunca atrás. Traballo feito non corre présa (frase do Suso prá resaca).

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 7 Febreiro 2018 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: