Pioneiras. Galegas que abriron camiño (ilustracións de Nuria Díaz)
Xerais, Vigo, 32 páxinas, 15,50 €, 2018
Apúntase nos créditos deste álbum que a súa orixe xermolou a partir dunha conversa entre a autora e Celia Torres, directora de promoción de Xerais. As conversas, como se ve, atesouran grandes e marabillosas ideas que, ás veces, se converten en proxectos e realidades brillantes. Teño para min que este é o caso desta primeira, e afortunada, incursión de Anaír Rodríguez neste xénero do álbum ilustrado que cada vez abre máis as súas fronteiras.
Pioneiras. Galegas que abriron camiño é, así pois, un libro que, cunha intención divulgativa que abraza o xénero biográfico, asume un posicionamento claro, explícito no limiar da publicación, como é de achegarlles ás nenas e aos nenos “a vida de doce galegas que conseguiron vencer as barreiras que lle estaban impostas ao seu xénero e dar os primeiros pasos por vieiros transitados ata ese momento só por homes”. Mais probablemente o libro supere ese obxectivo pois non é desatinado afirmar que o descoñecemento destas mulleres galegas é tal que, para moitas persoas, talvez sexa a vez primeira que van ler, ou van oír falar, de mulleres que deron os primeiros pasos entre nós en diversas actividades e sempre nun contexto hostil e fortemente patriarcal.
Velaí, así pois, e coa diáfana lectura visual de Nuria Díaz, doce breves biografías, documentadas e adaptadas a un rexistro fluído, de mulleres pertencentes a moi diversas áreas profesionais como son o xornalismo, a medicina, o mundo marítimo, a literatura, a enfermaría, o fútbol, a música ou o universo dos avances científicos entre outras.
Rescata, Anaír Rodríguez, doce presenzas nun moi meritorio libro que ofrece modelos de comportamento e actitudes marcadas polo esforzo, o sacrificio, a valentía, a incomprensión e, sobre todo, polo feito de seren pioneiras en tantas cousas. Así o testemuñan todas estas vidas, aquí por xunto, das mestras Marcela e Elisa, de Exeria, Isabel Barreto, María Luz Morales ou Olimpia Valencia; de Isabel Zendal e Sofía Casanova; da futbolista Irene González ou da gaiteira Áurea Rodríguez; da condutora Celia Rivas ou da científica Ángeles Alvariño. Algunhas, por certo, tratadas na nosa literatura como Zendal n´Os nenos da varíola, de María Solar; Isabel Barreto en Mar para todo o sempre de Henrique Dacosta ou Celia Rodríguez n´A punta de pistola, de Fran Alonso por só citar algúns.
Un libro preciso e imprescindible, así o entendo eu, nas bibliotecas das casas e nas bibliotecas escolares, para seguir cambiando cousas. Grazas por facelo posible.