
1.– Principal trazo do seu carácter?
-A tenacidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A honestidade e a sinxeleza.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Honestidade e apoio.
4.– A súa principal eiva?
– Pois está entre a dúbida e a cabezonería, aí anda.
5.– A súa ocupación favorita?
-Facer, crear cousas tanxibles.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Ter a maquinaria en bo estado e dedicarme só a aquilo que me gusta.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Primeiramente a desgraza dun ser querido. En segundo lugar pasar a vida a facer algo que non me guste.
8.– Que lle gustaría ser?
-Máis social. Que ás oito da tarde non me apeteza xa poñer o pixama e as pantuflas.
9.– En que país desexaría vivir?
-Nalgún do trópico, probablemente. Levo fatal o frío.
10.– A súa cor favorita?
-Amarelo.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Adoro os patróns repetitivos, así que calquera que se estruture así.
12.– O paxaro que prefire?
-O paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Téñolle admiración a moitas autoras e gozo inmenso léndoas, pero non son nada devota, a verdade.
14.– E na poesía?
-Ídem.
15.- Un libro?
–Corazón de can e O mestre e Margarida.
16.– Un heroe de ficción?
– Joseph K.
17.– Unha heroína?
-As camareiras do Manual básico de hostalería.
18.– A súa música favorita?
-Agora mesmo Stromae e o ruído branco.
19.– Na pintura?
– Jenny Saville
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-A miña avoa María.
21.– O seu nome favorito?
-Xulia, Flavia, Claudia… póñome un pouco romana con estas cousas.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A mentira e a impuntualidade (a partes iguais).
23.– O que máis odia?
-Que se acabe a bombona de butano no medio dunha ducha.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Carai, está complicado. Millán-Astray, probablemente, por aquilo de “muera la inteligencia” e aos nosos contemporáneos que o poñen en práctica con tanto celo.
25.– Un feito militar que admire?
-Ningún en absoluto.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-A paciencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Sen sufrir nin me decatar, durmindo ou así.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Impaciente, ansiosa.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A torpeza en todos os sentidos.
30.– Un lema na súa vida?
-É herdado, pero sempre vale: sae da casa coa roupa interior limpa, non vaia ser o demo que teñas un accidente.