Noites de safari, de Marleen MaLone

Marleen MaLone

Noites de safari

Xerais, Vigo, 296 páxinas, 18 €, 2018.

 

Pode provocar certa sensación de estrañamento atopar unha nova e descoñecida autora chamada Marleen MaLone. Con todo, axiña se entende todo como un exercicio de heteronimia singular, algo escasamente transitado na nosa tradición literaria, pois na contracuberta do volume é a escritora viguesa Iolanda Zúñiga a que, neste caso, adopta a postura “ortónima”: algo inédito, que eu saiba, no ámbito das escritoras galegas. Sexa dun ou outro xeito, e apuntándose talvez unha lectura na que se revela un desexado distanciamento respecto do que se conta, se cadra o relevante desta entrega non sexa este xogo autorial senón o feito de que supón o retorno de Zúñiga, tras a publicación dun libro singular e admirable como foi Periferia, premio Xerais de novela en 2010. Con todo, é igualmente probable que este novo libro dialogue máis coa súa estrea literaria que veu da man dun memorable  Vidas post-it (Xerais, 2007) e as razóns son variadas pero resulta inevitable pensar nas pontes que unen en ambos os dous e que, se cadra, nas Noites de safari adoptan unha estratexia que reformula e dinamiza con maior intensidade algúns camiños transitados como son a  vontade de provocación literaria, a transgresión, o empoderamento e a quebra ou superación de tabús, sen esquecer esa perspectiva que fai do humor un elemento fulcral pois este é, tamén, un libro extraordinariamente divertido, por momentos hilarante e en ocasións brutalmente sarcástico.

Estas páxinas transmiten unha paisaxe fundamentalmente urbana, cun universo musical, cinematográfico e cultural que alenta nos anos noventa e na primeira década do 2000 e que abrazan, asemade, unha verdadeira reflexión desprexuizada e valente sobre as relacións persoais, sentimentais e sexuais, abordando asuntos como a incomunicación, a soidade ou a precariedade laboral, sen ocultar unha intención ridiculizadora, con escaso parangón na literatura actual, respecto de comportamentos machistas e ultramontanos e, en ocasións, achegando unha visión crítica e demoledora contra parte do noso sistema literario.

Todo o dito abéirase a un esquema dicionarístico, anunciado como “Manual sobre amantes desorientados”, no cal a invención heteronímica chamada MM, a Marleen MaLone autorial, relata e deseña o seu mundo persoal, con axilidade e enxeño, allea a inmiscirse en conflitos morais porque xa ten abondo con soster, e sosterse, nun contexto persoal, social e laboral que tamén é, malia que non se queira ás veces ver, indubidable espello do noso tempo.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 23 de febreiro de 2018. Reprodúcese aquí a versión completa co derradeiro parágrafo que se suprimiu na versión publicada polo xornal por cuestións de espazo.