Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Pasar, de Nella Larsen

Nella Larsen

Pasar (tradución de Carlos Valdés García)

Irmás Cartoné, 160 páxinas, 13 €, 2018.

De Nella Larsen, autora de Pasar, sabían as persoas afeccionadas ao mundo lorquiano que, no seu día, introducira ao poeta nos círculos dos negros de Harlem, á procura da inspiración precisa para o que logo sería o seu Poeta en Nueva York. De feito, nunha carta dirixida a seus pais, datada en Nova York o 19 de xullo de 1929, o autor granadino refírese a ela como “una mujer exquisita, llena de bondad y con esa melancolía de los negros, tan profunda y tan conmovedora.”

Dun ou doutro xeito Larsen (1891-1964), autora de dúas pezas literarias ao longo da súa vida (ademais de Passing publicou en 1928 Quicksand) abandonou os círculos literarios a comezos dos anos trinta tras problemas cos seus editores para publicar a súa terceira problema ao que se engadiu unha falsa acusación de plaxio e outros problemas persoais o que, por xunto, a levou a falecer practicamente no ostracismo. Arestora cobra novo protagonismo entre nós mercé á tradución desta novela –baixo o excelente traballo a cargo de Carlos Valdés- que, ao tempo, resulta operativo para pór en valor unha das autoras máis salientables do denominado Rexurdimento de Harlem.

Pasar céntrase, dun ou doutro xeito, no asunto da identidade: da identidade racial que vai máis alá do conflito individual de cada personaxe e que se achega tamén ao xogo das aparencias como medio de vida. Abeirada, talvez, máis á novela de formulación psicolóxica que de estrita denuncia política pois isto é algo ao que se chega por simple dedución, a temática xorde nun contexto onde cómpre ter en conta que o abolicionismo das leis segregacionistas non triunfa nos EUA ata mediados dos anos sesenta e, deste xeito, a “ocultación das orixes”, cando a cor da pel o permitía, constituía unha vía de escape para fuxir da discriminación social á que estaban abocadas as mulleres desta condición.

As dúas protagonistas remiten a universos vivenciais parellos pero, dalgún xeito, diferentes e ese antagonismo, gobernado ademais por unha arquitectura esixente como é o comezo in media res, cobra carta de natureza nesta obra a partir dun encontro fortuíto nun restaurante de Chicago de dúas amigas da infancia que son Clare Kendry e Irene Redfield. A primeira, tras unha mocidade marcada pola dureza, optou por casar  cun home que, malia o seu activo racismo, vai proporcionarlle un status social e unhas comodidades que nunca imaxinaría; ao tempo, Irene asume as súas orixes malia que tamén tira proveito, cando o considera necesario, desa ocultación ou, cando menos, do feito de non exhibir sempre as súas raigames.

A novela, moi coidadosa no deseño de atmosferas e cunha voz narrativa atenta aos pequenos detalles, transita tamén asemade por conceptos como son a conciencia sexual ou a forza da manipulación e ofrece un final aberto e suxestivo gobernado polas emocións, algo palpable sempre no perfil de todos os personaxes, mesmo na esencia da propia trama da novela.

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 28 Febreiro 2018 por en Crítica literaria,Novela,Tradución , , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: