Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Pyongyang, de Guy Delisle

Guy Delisle

Pyongyang (tradución de Belén Poutón)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 184 páxinas, 18 €

 

Achegueime con moito interese a esta nova entrega acollida na serie que, desde hai anos, vén ofrecendo Rinoceronte no que entendo como unha colección referencial para o público galego como é a de “Novela gráfica“.

Nesta ocasión Pyongyang, do autor quebequés Guy Delisle, revélanos a imaxe dun país case practicamente descoñecido e sometido a un proceso de illamento de maneira que, a meu ver, calquera forma de achegamento á realidade do país e das persoas que o poboan ha ser sempre benvida, aínda que sexa tan só por curiosidade. O camiño polo que opta Delisle é facelo en primeira persoa -recurso que empregou noutras entregas anteriores e posteriores a esta- a través da figura dun técnico de animación que, por diversas circunstancias, terá que realizar un estadía en Corea do Norte país durante un curto período de tempo.

Delisle pon as cartas enriba da mesa pronto: chega ao país co 1984 de George Orwell baixo o brazo e con el xa non hai dúbida do seu posicionamento. O protagonista teimará en evidenciar a realidade do totalitarismo e os límites da manipulación da mente dos individuos,  como tamén a robotización crecente dunha sociedade, polo que exhibe a vontade de non querer, nin poder, comprender; se cadra nin sequera procurar as razóns -fóra dalgunhas pinceladas históricas que si se inclúen- que levaron a este país a ser como é.

O autor limítase a realizar un exercicio de corte autobiográfico que, desde a concepción eurocéntrica -o autor vive agora en Europa- ou talvez occidentalista, se achega cun escalpelo a un país antagónico ao mundo que el coñece e as súas vivencias -recollidas nun diario ao que logo se lle dan forma para converterse nesta novela gráfica- van enfocadas cara á demostración da existencia do delirio megalómano nunha sociedade que non é libre e que, talvez, nin o sabe. Velaí a razón pola que Delisle nunca chega a cuestionarse nada do mundo do que procede e si practicamente todo do mundo ao que chega. Malia esta cuestión, quen dubida que de filiación ideolóxica e por tanto respectable, Delisle fai un traballo interesante pois reflicte con claridade a frialdade, a asfixia e a permanente sensación de persecución e vixilancia á que se ve sometido, tanto que nun momento semella que case chega ao seu propio límite. Ao contrario, valora o que chama “pequenos xestos de insubmisión” -un comentario, unha ollada…- contra un réxime marcado polo culto ao poder e faino en moitas ocasións a través da ironía e noutras mercé á crítica máis directa e desapiadada como ocorre cando nos descobre o que é o Juche ou o museo da ocupación capitalista… Dun ou doutro xeito recomendo a lectura deste Pyongyang que, inexcusablemente, ofrece por xunto reflexións valiosas aínda que sexa desde a perspectiva informativa e, por outro lado, goza dun discurso narrativo hábil e visualmente moi atractivo.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: