Cara de velocidade, de Marga Tojo

Marga Tojo

Cara de velocidade (ilustracións de María Hergueta)

Kalandraka, Pontevedra, 48 páxinas,  14 €

 

Cumpriu dez anos o premio de poesía para nenas e nenos Cidade de Orihuela e o galardón outorgouse a un libro que agochaba unha sorpresa, isto é, recaeu nun volume escrito orixinalmente en galego e traducido ao castelán para participar neste relevante premio. A fortuna fixo que agora o poidamos ler nunha edición que o acolle na lingua orixinal, ademais doutra en castelán tal e como implican as bases do certame. Cara de velocidade, así pois, da escritora compostelá Marga Tojo, que xa nos deixara un libro espléndido baixo o título de últimos bruídos, é un artefacto literario de ida e volta que chega para quedar e que particularmente saúdo con alegría pois non dubido en salientar a súa orixinalidade, alén de intuír nel un dilatado proceso de creación que se inspira, talvez, na vida cotiá e nos golpes que ás veces esta dá.

Neste libro é “H.” quen toma a palabra: unha nena que nos convida a ver as cousas doutro  xeito. Axiña un é quen de entrar na proposta que se ofrece pois “H.” usa palabras rotundas, aparentemente sen estar sometidas a ningún proceso literario, aínda que no fondo si hai moito traballo aquí  pois son as palabras as que transmiten metáforas de altura, aparentemente sinxelas, que falan de vida, de liberdade e da relevancia que posúe a fantasía e a imaxinación como elemento clave para transformar o cotián, o día a día, nunha verdadeira aventura. Velaí, nese proceso, como todo cobra unha nova dimensión:  a lóxica de “H.”, entretecida tantas veces coa música -de Narf, Patti Smith e outras voces- convence e emociona porque a través da súa percepción singular das cousas somos quen de ver, probablemente, a totalidade do seu exacto volume, tamén a importancia que os xestos e as intuicións teñen para rescatar unha perspectiva que talvez o paso do tempo ocultou ou fixo esquecer ao lectorado adulto.

Gústame ver a “H.”, así pois, como unha nova Alicia a escorregar por outros territorios, que agora son os urbanos,  tamén cheos de medos aos que se enfronta e a esperanzas. “H.” sempre é quen de converterse, cando procede e quere, tan libremente, nunha heroína ou nunha exploradora mais tamén -porque goza duns sentidos sempre alerta- capta outras cousas como a precariedade e os equilibrios que a vida obriga a facer. Nada sobra aquí, todo é exacto e medido, no fondo fermoso, nesta Cara de velocidade: mesmo esa noite que é un blues “azul, azul / de bruma”.

E non podo esquecer o  traballo gráfico de María Hergueta, igualmente soberbio. Parabéns.