Na casa da avoa, de Marta Dacosta

Marta Dacosta

Na casa da avoa

Galaxia, 88 páxinas, 11,80 €, Vigo, 2017

 

Non sei se en Gondomar ou nalgunha presentación atopei a Marta Dacosta. Discreta de seu non me preguntou nada sobre o  seu último libro, cando ben podía despois de coñecernos hai máis de trinta anos; si,  trinta.  Fun eu quen sacou o tema: extraviárao durante uns meses e non o puidera ler. Tras unha busca intensa este apareceu e pasou o que nunca imaxinaría: outra vez ficou agochado, involuntariamente, durante un tempo. Coma se gozase de vida propia este libro onte volveu aparecer e, para evitar o que podería ocorrer, entendín que mergullarme nel era xa unha obriga: máis alá dun ano desde a súa aparición. Son cousas que pasan.

Na casa da avoa é, probablemente, o libro que imaxinaba atopar, e alégrame que así sexa, tras dun lago escuro e mais Argola, as súas últimas propostas anteriores. Dacosta partilla o fondal da memoria -memoria sempre crítica, memoria proletaria e rebelde- e sitúanos nunhas coordenadas simbólicas que, dalgún xeito, agromaran en anteriores volumes seus como eran tanto o espazo propio da “casa” como a “avoa”. A súa é unha escrita reivindicativa que emprega estes esteos para recrear e, dalgún xeito, traer para o presente como un acto necesario a presenza da muller tanto ao longo da historia -inspirada quer en manifestacións pictóricas, fotográficas e outras, quer na súa presenza na literatura en xeral- como a muller anónima, ou case, representada na figura da avoa, da que se sente herdeira. Mais, talvez a diferenza con outras entregas, a voz de Dacosta amósase desposuída de posibles ocultamentos, isto é, sincera, directa e mesmo espida, polo que tamén se achega á estética da corporeidade e do seu tratamento secularmente estereotipado, na literatura e maisn a sociedade.

Un berro, esteticamente brillante, contra a dominación da muller a través dunha voz que reclama outra ollada, sempre belixerante e combativa, a ese “tecer e destecer” tan citado neste libro que, por fin, reencontrei.