Kalandraka, 20 anos

Mañá, 2 de abril, celébrase o chamado Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e, ao mesmo tempo, a editorial pontevedresa Kalandraka festexa os seus primeiros vinte anos de vida.

Unha circular informativa da editorial sinala que Kalandraka está situada entre as cen primeiras empresas do sector editorial a nivel estatal e que é a primeira galega no que se refire ao volume de facturación. Son datos relevantes, abofé que si, respecto dos que ninguén pode quedar indiferente e testemuñan a singularidade e inequívoco éxito deste proxecto. Con todo, neste breve apuntamento tan só quería celebrar publicamente este traxectoria salientando tres aspectos que me parecen importantes entre outros moitos que singularizan a filosofía da editorial e que, talvez, expliquen o seu percorrido.

En primeiro lugar, a calidade da edición e a escolla meditada dos títulos editados, elementos que lle outorgaron á editorial un emblema distintivo no panorama editorial galego, estatal e internacional. A continuación, e estreitamente relacionado co factor anterior, a editorial abrazou a crenza de que o libro infantil e xuvenil -aínda que non só pois non hai máis que ver a diversificación do seu catálogo- supón unha achega á normalización cultural da nosa literatura e a nosa lingua, concibindo o alicerce do seu traballo como unha forza motriz fundamental na formación e a educación de lectoras e lectores no futuro. Por último lugar, a cohesión e profesionalidade do grupo humano que alí traballa, a quen estendo os meus parabéns.