A substancia das horas, de Manuel Vilanova

Manuel Vilanova

A substancia das horas

Ir Indo, Vigo, 232 páxinas, 15 €, 2017.

 

Hai xa oito anos, con ocasión da aparición do libro Antonio das mortes e a muller de verde apuntaba o escaso eco receptivo que a produción poética de Manuel Vilanova gozaba entre nós. Un mantra, talvez, que cómpre seguir reiterando malia o camiño brillante e senlleiro que o poeta indiscutiblemente percorre e que, tras o devandito título, foi completando con outros volumes non menos  relevantes desde aquela como Nin sequera no ceu (2011) ou Un banco na Gran Vía (2016).

Nesta ocasión, A substancia das horas, revélase como unha proposta a través da que o escritor de Barbantes realiza un exercicioque lle posibilita esculcar todo aquilo que espella o celme dun tempo propio, experimentado e sometido a un brillante proceso de reflexión. Velaí, así pois, a dinámica da descuberta dun mesmo nun territorio concreto como é o Ribeiro, a carón das claves sentimentais e formativas que percorren o período da infancia e mais a (re)apropiación dun universo mítico que se recrea e agranda desde obras anteriores, exhibindo se couber cunha maior profundidade esa aliaxe particular entre catolicismo e paganismo.

A palabra de Vilanova revístese, cando é preciso, desas referencias mitolóxicas, lendarias ou relixiosas que constrúen un mundo particular, dándose a man coa dimensión dos afectos, da amizade e das xentes; dalgún xeito afonda así nos perímetros da melancolía e dos territorios posuídos por unha dimensión sentimental e evocativa que resultan, tamén, operativos para afrontar o momento presente á procura da propia alma. Velaquí, nunha lectura inxustamente incompleta, as sensacións que me produce este libro. Un volume do que cumpriría moito máis que deixar constancia da súa aparición porque a súa presenza chega para ficar, máis alá de modas e tendencias. Un libro que merece, asemade, saborealo pouco e pouco.