María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, de Isabel Soto e Xavier Senín

Isabel Soto e Xavier Senín

María Victoria Moreno. Sementadora de futuro

Xerais, Vigo, 2018, 160 páxinas, 15 €

 

María Victoria Moreno. Sementadora de futuro supón unha achega clave para coñecer o universo “María Victoria Moreno” que, ao meu ver, non debería pasar desapercibida.

As persoas redactoras do volume, Isabel Soto e Xavier Senín, manifestan nesta proposta, alén dun incuestionable coñecemento da figura da protagonista do Día das Letras Galegas 2018, a vontade irrenunciable de resituar a María Victoria Moreno a través da difusión dos seus principais elementos de carácter biográfico na primeira parte do volume, deseñando previamente un intenso proxecto de pescuda -tarefa compartida no seo dun equipo en que igualmente colaboraron Marilar Aleixandre e Fina Casaldarrey- que deita uns resultados excelentes ao incorporar novos datos e reformular algunhas afirmacións inexactas até o de agora. Un labor colleitado no mergullo en diversa documentación e na práctica de diversos traballos de campo en forma, por exemplo, de entrevistas persoais. Esta primeira parte do volume, paréceme que equilibrada en absoluto haxiográfica, estrutúrase grazas á aplicación dun criterio cronolóxico que repara na súa infancia, adolescencia e mocidade até que Moreno chega a Galicia para, desde aí, ir entretecendo diversos focos de atención, alén da súa vida persoal, como son a docencia, a escrita ou o compromiso coa nosa lingua, entre outros.

Moi relevante paréceme, igualmetne, o capítulo centrado na exposición do contexto en que a autora escribe e publica a súa obra literaria en lingua galega que dalgún xeito testemuña o seu papel pioneiro no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega. Alén disto, completa o libro un brillante e referencial apartado centrado en ofrecer as claves de lectura da súa produción creativa: páxinas que entendo de consulta obrigada para moverse con garantías neste no necesario labor de difusión que tanto a persoas particulares interesadas como a profesorado en xeral lle ha resultar extraordinariamente útil.

“Sementadora de futuro” apúxoselle de maneira acaída no sub-título desta biografía. Abofé que así foi, abofé que así o confirman Isabel Soto e Xavier Senín neste ensaio luminoso.  Velaquí por xuto o relevante papel que María Victoria Moreno desenvolveu como escritora galega con maiúsculas, en calquera dos xéneros aos que se achegase, como docente, como libreira, como ensaísta e activista cultural, como galega de nación e corazón tamén.